Escoitar

Caballero cita o luns aos alcaldes da área de Vigo para "cooperar" e "resolver problemas" tras a vaga de lumes

O alcalde convoca unha reunión dos rexedores e rexedoras da gran área metropolitana de Vigo co obxectivo de "intercambiar opinións" sobre os incendios e "poñer en común", por exemplo, "fórmulas" para solicitar axudas. A cita, que será o luns ás 11 horas na Alcaldía, procura a "colaboración" dos concellos, explicou Caballero, afastada dos "debates políticos": "é o momento dos acordos e da cooperación política".

venres, 20 out 2017
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres que está a convocar aos seus homólogos e homólogas da gran área metropolitana de Vigo para celebrar unha reunión na que "cooperar" e "resolver problemas" tras a vaga de lumes do pasado domingo e luns, que se cobrou a vida de catro persoas en Galicia, unha destas en Vigo e outras dúas en Chandebrito (Nigrán).

Caballero avanzou que o obxectivo da reunión -que terá lugar na Alcaldía o luns ás 11 horas-é "intercambiar opinións e analizar os efectos" dos incendios nos distintos municipios, unha pretensión de "cooperación e encontro" para "poñer en común" as distintas "fórmulas" para solicitar as axudas, segundo citou o alcalde vigués a modo de exemplo.

Os efectivos do parque de Bombeiros de Vigo, segundo recordou o alcalde, traballaron en Mos, Redondela e Chandebrito ata que o fogo chegou ao termino municipal vigués, o que revela uns "elementos de cooperación" existentes que permiten "actuar en común". Caballero equiparou a cita do luns coa reunión mantida na tarde de onte coa Comunidade de Montes, "cooperadora" e con "conclusións" de cara ao futuro.

"Esta é a liña na que temos que proceder", valorou Abel Caballero, "desde a cooperación e a colaboración absoluta" e afastada dos "debates políticos", porque agora tempo de "resolver problemas": "é o momento dos acordos e da cooperación política", concluíu.