Escoitar

Vigo acolle a sede da Fundación Carlos Casares

O alcalde, Lois Castrillo, e a presidenta da Fundación, Kristina Berg, inauguraron a sede da entidade. O Concello, integrante do padroado, cedeulle gratuitamente á Fundación locais do edificio Asefal tralo seu acondicionamento, no que investiu 80.000 euros.

martes, 18 mar 2003
1048001278casares4.jpg
Presentación da sede
Castrillo afirmou que Casares foi un persoeiro da cultura galega con proxección universal e, coa súa morte, naceu unha ilusión e un proxecto da xente máis achegada ao escritor que hoxe dispón dunha realidade física, cun espacio onde desenvolver as actividades da Fundación que leva o seu nome.

"O Concello de Vigo implicouse no compromiso de facer realidade un proxecto que pretende seguir o exemplo de Carlos Casares", afirmou Castrillo. "A Fundación Carlos Casares será unha xanela do que pretendemos que sexa a cidade de Vigo: un lugar para o encontro, o consenso, o progreso, o diálogo dos que queren construír un país coa súa propia maneira de pensar e de traballar por Galicia, sempre aberta á liberdade de pensamento", destacou o alcalde.

Kristina Berg, viúva do escritor, sobranceou o compromiso persoal do alcalde de Vigo por dotar a Fundación dunha sede e o orgullo de contar co respaldo de diversas institucións, organismos culturais e entidades financeiras.

Damián Villalaín explicou que a Fundación Carlos Casares aspira a ser un novo espacio para a cultura, a creación e o debate en toda Galicia, sempre con ámbito universal. A Fundación dedicarase á difusión e estudio da obra de Casares, á organización de actividades de carácter cívico-culturais no denominado galeguismo transversal como un centro de debate e liberdade de pensamento, ao diálogo intercultural no que se fomentarán as relacións humanas na súa faceta de "coleccionista de amigos" e a desenvolver programas e proxectos de lingua e cultura galegas.

A Fundación Carlos Casares constituise o pasado mes de setembro nun acto desenvolvido no Pazo Quiñones de León. O seu principal obxectivo é o de promover a cultura de Galicia a través da difusión da obra de Casares, de campañas de animación á lectura e de actividades literarias.
1048001278casares4.jpg
1048001320casares1.jpg
1048001397casares5.jpg
Descargar todas as imaxes