Escoitar

Caballero apunta a necesidade de que as cidades se configuren para os nenos e os maiores

O rexedor defendeu esta mañá na importancia de acometer cambios na configuración das cidades que faciliten a vida cotiá dos nenos e das persoas maiores. Así o expuxo durante a inauguración da I Xornada Técnica Cidadanía e Vellez en Galicia: O voluntariado e as persoas maiores que se desenvolveu na Sede de Afundación.

mércores, 27 set 2017
1506516584vellez.jpg
O alcalde participou esta mañá na I Xornada Técnica Cidadanía e Vellez en Galicia: O voluntariado e as persoas maiores. Oportunidades e sinerxias, unha cita organizada esta mañá pola asociación Amigos dos Maiores e a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría Logo de felicitar aos organizadores desta iniciativa, Caballero apuntou a necesidade de cambiar a configuración das cidades para que sexan máis "amigables" cara aos nenos e ás persoas maiores referíndose a cuestións que xa levan en marcha unha década, como mellorar a accesibilidade con beirarrúas máis anchas e e maior número de rúas peonís, á cesión de espazos de ocio e socialización, ao transporte público, á instalación de bancos, ou aos parques biosaudables. Na inauguración da xornada, o rexedor reiterou o apoio do goberno local na organización de próximos espazos de debate e análise así como con calquera iniciativa que redunde en mellorar a calidade de vida dos maiores de Vigo, algo que xa está a facer o programa municipal de Coidadores de Barrio.

O obxectivo da organización desta cita é crear un espazo de encontros e debate profesional e científico, propiciando unha reflexión na que se analicen como os cambios sociais están afectando ás persoas maiores e que iniciativas se están poñendo en marcha para combater as consecuencias. O rexedor estivo acompañado na mesa inaugural por Mayte Sancho, presidenta da Fundación Amigos dos Maiores; Miguel Ángel Vázquez, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría e máis Jesús Sueiro, presidente da Asociación Galega de Mediciña Familiar e Comunitaria.

A Asociación Amigos dos Maiores é unha organización de voluntariado que ten por obxectivo paliar a soidade, o illamento e as carencias afectivas das persoas maiores, mentres que Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría é un colectivo científico con máis de 400 socios en Galicia. Trátase dunha sociedade de carácter interdisciplinario que ten por obxectivo promover os coñecementos xerontolóxicos tanto clínicos como biolóxicos, psicolóxicos e sociais orientados ao fomento da xerontoloxía.
Descargar todas as imaxes