Escoitar

O Concello demanda á Xunta que garanta as condicións de seguridade e saúde no colexio Rodríguez Castelao de Navia

A moción do grupo do goberno de Vigo foi apoiada pola Marea, coa abstención do PP, e insta á Xunta de Galicia a que tome as medidas necesarias para garantir as condicións de seguridade e saúde do alumnado e persoal do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao, actualmente en obras. <br />

mércores, 27 set 2017
Segundo estipula o texto na súa exposición de motivos, os docentes, alumnado, familias e persoal laboral do nomeado centro educativo de Navia "vense obrigados a convivir e traballar entre obras, molestias e ruídos baixo un continuo risco para a integridade física", ademais de existir "unha evidente falta de espazos".

"É responsabilidade da administración educativa favorecer un contexto no que todos os estudantes poidan acceder con seguridade ás súas clases e recibir en igualdade de condicións unha educación pública de calidade", apunta o texto, polo que o acordo votado demanda da Xunta a adopción de "todas as medidas que garantan a seguridade e a saúde do alumnado, persoal docente e resto de persoal educativo e que as clases se desenvolvan nas condicións adecuadas".

A concelleira de Educación, Olga Alonso, fíxose eco das queixas trasladadas pola Asociación de Nais e Pais de Alumnos/as do Rodríguez Castelao sobre as condicións do colexio coas obras, situación que xa lle expuxeran ao alcalde de Vigo nunha reunión anterior.