Escoitar

"Expostas", unha medianeira para reivindicar a igualdade

O alcalde e Carmela Silva participaron este mércores no Pavillón do Berbés na inauguración do mural no que Vanesa Álvarez Díaz reflexiona sobre o papel da muller na sociedade e que se inclúe no programa municipal de medianeiras de 2017.

mércores, 27 set 2017
1506516954medianeira.jpg
"Expostas" é unha das obras que conforman o III Programa Municipal de Medianeiras, dotado con 453.600 euros, co obxectivo de encher de arte as rúas da cidade. O mural creado pola deseñadora gráfica viguesa Vanesa Álvarez Díaz no Pavillón do Berbés foi inaugurado esta mañá nun acto poético-musical no que participaron Abel Caballero e Carmela Silva, primeira tenente de Alcalde.

O rexedor sinalou a medianeira como espazo de "reivindicación da igualdade" e referiuse ás mulleres presentes como os "rostros da determinación", aquelas que están retomando o camiño da busca e reivindicación dos dereitos para cambialo "con plenitude". Amais, destacou o don de liderado de Míriam Gutiérrez, campioa mundial de boxeo e protagonista do mural, cunha fortaleza "quen de erixirse como unha grande líder do deporte deste país" ou a capacidade de superación de Lupita, que leu poemas e a calidade artística de Woyza, que interpretou varias pezas musicais durante o acto, no que participaron tamén o colectivo Til Diacrítico e a propia a autora da medianeira.

Pola súa banda, Carmela Silva adiantou que con este mural, "o primeiro pero virán outros", o goberno de Vigo quere "ocupar todo o espazo público en favor da igualdade" e rexeitar o sufrimento, dor e maltrato que "padecemos as mulleres polo feito de ser mulleres". Así, avogou porque a sociedade loite para rematar co maltrato e a desigualdade.

"Expostas" forma parte das actividades complementarias da terceira edición do Programa Municipal de Medianeiras e Arte Urbana que tamén inclúen o pintado de murais en seis colexios, talleres de arte urbana para nenos en diferentes puntos da cidade, concertos na ría e xornadas de arte urbana. O Concello puxo en marcha a web "Vigo, Cidade de Cor" con todo os murais, a súa localización e información sobre os seus autores para divulgar este patrimonio cultural.
Descargar todas as imaxes