Escoitar

O alcalde eloxia o "compromiso vital" do autor na presentación da mostra "Os mundos de Carlos Casares"

Caballero participou este luns na presentación desta exposición -visitable na Casa da Artes do 27 de setembro ao 5 de novembro-, que ofrece un percorrido pola obra, vida e tempo de Carlos Casares a través de paneis, audiovisuais, obxectos persoais, imaxes inéditas e documentos históricos, cun total de máis de 500 pezas.

luns, 25 set 2017
1506340851casares.jpg
Durante a súa intervención, o alcalde de Vigo eloxiou o traballo dos comisarios -Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez- na definición desta exposición e amosou a súa satisfacción pola súa presenza na cidade. Na presentación participaron, xunto a Abel Caballero, o deputado de Cultura, Xosé Leal; o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o fillo do autor e administrador da Fundación Carlos Casares, Hakan Casares Berg.

Abel Caballero puxo en valor que a mostra recolla as distintas facetas do escritor, que era quen de acadar que "os escenarios se mimetizaran con él", á inversa do que acontece habitualmente cos creadores, o que é un "feito extraordinario" e fan deste un home "difícil de repetir". O alcalde subliñou o compromiso de Carlos Casares coa literatura, co xornalismo ou coa política, e apuntou a súa "forma especial" de ver Galicia desde Vigo, como "factor de enriquecemento" para toda Galicia.

"Os mundos de Carlos Casares" é unha mostra itinerante elaborada pola Fundación Carlos Casares, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. En Vigo, será a Casa das Artes que a acolla, do 27 de setembro ao 5 de novembro. Esta proposta ofrece un percorrido pola obra, vida e tempo de escritor a través de paneis explicativos, materiais audiovisuais, obxectos persoais, imaxes inéditas e documentos históricos.

A exposición conta con máis de 500 pezas, entre as que se poderán contemplan imaxes da infancia, notas manuscritas de Vicente Risco, un cinematógrafo con bobinas orixinais do autor, recortes de prensa ou o seu certificado de voda. A mostra divídese en cinco espazos para presentar os diferentes marcos nos que Carlos Casares se relaciona co mundo, explicando así cuestións fundamentais da súa vida, da súa promoción literaria e do seu compromiso co país e as súas xentes. A cartografía resultante permite visitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares que buscan conectar coas xeracións máis novas.
Descargar todas as imaxes