Escoitar

Parques e Xardíns plantou case 600 árbores en 75 rúas da cidade

A Concellería de Montes, Parques e Xardíns rematou esta semana a campaña de reposición de arborado viario na cidade.

venres, 14 mar 2003
"En total repuxéronse 588 árbores en 75 rúas distintas da nosa cidade", explicou o concelleiro Henrique Vieitez. O custo total desta plantación de arborado foi de aproximadamente 21.000 euros.

Esta campaña de reposición empezou no mes de outubro e rematou esta semana, coincidindo cos meses de letargo do arborado.

Vieitez afirmou que "as reposicións realizáronse debido que en moitas rúas da nosa cidade había árbores que xa cumpriran o seu ciclo de vida, outras estaban danadas polas inclemencias climáticas ou estaban moi deterioradas porque sufrían enfermidades e outras polos actos vandálicos".

Parques e Xardíns tivo en conta, para realizar esta plantación de árbores, aspectos como a temperatura da zona, a humidade, o vento e a luz natural. A polución atmosférica producida polos gases e aerosois provocan diminución da luz natural, aparición de focos de condensación, axentes nocivos para a saúde e variación na temperatura. Isto ocasiona que o clima urbano varíe, nalgúns casos, enormemente da área que o rodea.

Ademais da polución, a actividade humana xenera unha gran cantidade de calor podendo facer que determinadas áreas urbanas teñan 8ºC mais que no entorno.

Todos estes aspectos téñense en conta á hora de seleccionar o tipo de árbore que se vai a plantar. Así, unha árbore de folla caduca plántase nunha rúa soleada, permitindo sombrear en verán e deixar pasar os raios de sol no inverno cando lle cae a folla.

Nas rúas nas que se pretende cortar a acción do vento requírense árbores perennes e de folla abundante co fin de formar barreiras vexetais que poden conseguir reduccións de ata o 50% da velocidade do vento.