Escoitar

Fomento cédelle ao Concello a Travesía de Vigo

O acordo posibilita a construcción do paso soterrado no cruce da Travesía coa rúa Aragón

xoves, 13 mar 2003
O Ministerio de Fomento acaba de formalizar a cesión ao Concello de Vigo da Travesía de Vigo, un treito da antiga C-552 comprendido entre os puntos quilométricos 9,850 e 12,100. O alcalde, Lois Castrillo, asinou esta mañá a acta de cesión con representantes da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

Castrillo pedíralle ao ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos, na súa recente visita a Vigo que axilizara este trámite para que o Concello puidera abordar o antes posible a construcción do paso soterrado previsto baixo a confluencia da Travesía de Vigo coa rúa Aragón. Unha vez realizada a cesión, o Concello ten vía libre para a aprobación e execución deste proxecto, que contribuirá a desconxestionar o tráfico na Travesía.

Asemade, a cesión fai posible que o Concello afronte a renovación das beirarrúas da Travesía. O alcalde encargou xa o estudio desta obra de mellora co obxectivo de que sexa incluida en próximos presupostos municipais.