Escoitar

O Concello asina o convenio coa Sgae para celebrar a gala dos premios Max

O evento será o 5 de maio no Centro Cultural Caixanova

xoves, 13 mar 2003
1047560644Sgae11.jpg
Sinatura do convenio
O alcalde, Lois Castrillo, o concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, e o secretario xeral da Fundación Autor, Francisco Galindo, asinaron un convenio de colaboración para o patrocinio da gala dos premios Max das artes escénicas. O orzamento total é de 1.150.000 euros, dos que o Concello de Vigo achega 360.000 euros.

"Vigo vai ser no mes de maio a capital do teatro do Estado cun evento que proxectará a potencia cultural da cidade cara fóra", afirmou Lois Castrillo. "Vigo é unha cidade con ambición de futuro, cosmopolita e aberta, que quere ser urbe industrial e tamén da creación, da intelixencia e da cultura", dixo o alcalde.

Castrillo sinalou que os vigueses cren na cultura como elemento da liberdade de expresión e agradeceulles á Sgae e á Fundación Autor que aceptasen con entusiasmo ter apostado por Galicia no momento no que este país requiría desa solidariedade.

O secretario xeral da Fundación Autor, Francisco Galindo, asegurou que tiveron sempre claro que esta edición debía celebrarse en Galicia, a pesar de dispor de 12 cidades alternativas a Vigo. "A gala constitúe só unha parte dos premios Max, os únicos galardóns con carácter democrático, posto que son votados por 14.000 profesionais das artes escénicas e froito dun esforzo loxístico destacado", sinalou Galindo.

O concelleiro Carlos Príncipe sobranceou que Vigo é a única cidade galega que conta cunha Escola municipal de teatro financiada ao 100% pola administración local. "O amplo programa teatral e cultural e a tradición existente son razóns fundadas que acreditan o compromiso cultural desta cidade, nun momento no que a celebración dos premios Max servirá para poñer a Vigo no mapa do circuito teatral", asegurou o concelleiro.

O evento realizarase o 5 de maio no Centro Cultural Caixanova, dentro da vocación itinerante destes galardóns que en edicións anteriores se celebraron en Madrid (1998), Barcelona (1999), Sevilla (2000), Bilbao (2001) e Valencia (2001).

Os Max consolidáronse como o maior recoñecemento para os profesionais de teatro e danza do Estado, xa que son os seus propios compañeiros quen integran o corpo electoral. Para a tempada de 2003, os electores teñen que escoller os seus favoritos entre 412 espectáculos teatrais a concurso, 109 de danza, 47 musicais e 126 montaxes infantís. Aos 24 galardóns a concurso engádense outros outorgados polo comité organizador: o premio de honra, o de teatro alternativo e mais o hispanoamericano das artes escénicas.
1047560644Sgae11.jpg
1047560678Sgae22.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información