Escoitar

O proxecto Asiste celebra unha xornada co obxecto de reflexionar e analizar o sector de axuda ós maiores e á infancia como xacemento de emprego

A Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, no marco do proxecto Asiste, celebrará o venres, día 14, unha xornada, na Sala de Conferencias do Centro Cultural Caixanova, na que profesionais, baixo o nome de “Os servicios de atención ás persoas: novas perspectivas para o emprego no ámbito local”, analizarán as posibilidades de emprego xurdidas nos ámbitos da atención ós maiores e á infancia, reflexionarán sobre o sector como xacemento de emprego e terán un intercambio de experiencias innovadoras na cualificación de profesionais do sector de servicios ás persoas.

xoves, 13 mar 2003
A xornada, que ademais servirá para difundir as actividades realizadas no proxecto Asiste e os seus resultados, contará coa presencia, entre outros, do Subdirector xeral de Análise Económica de Entidades Locais do Ministerio de Administracións Públicas, Angel García Antonio, que intervirá para falar sobre o financiamento do Fondo Social Europeo para apoiar a formación no sector dos servicios ás persoas.

No encontro participarán profesionais do sector de diferentes puntos do Estado, como Jerez, Barcelona, Mataró e Cantabria, que exporán o seu traballo no ámbito da formación do sector na procura dun intercambio de experiencias innovadoras. Por outra parte, tamén estarán presentes os centros de educación infantil e de residencias da 3ª idade, tanto do sector público como privado, que colaboraron dunha forma determinante na fase das prácticas profesionais das beneficiarias de Asiste.

O proxecto “Asiste”, que remata a finais deste mes de marzo, tivo un custo total de 880.000 € e foi subvencionado nun 70 % polo Fondo Social Europeo, aportando o Concello de Vigo o 30% restante. Promovido pola Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, comezou a súa andadura no mes de abril, traballando en dúas direccións formativas, atención á infancia e á terceira idade, con mulleres desempregadas maiores de 45 e menores de 25 anos e cunha formación académica baixa. A colaboración de centros de educación infantil e de residencias da 3ª Idade, tanto do sector público como privado, foi determinante para a fase das prácticas profesionais.

Máis información