Escoitar

O contrato da limpeza inclúe un punto limpo móbil e recollida porta a porta no Casco Vello

O alcalde avanzou dúas das novidades que se incorporan ao prego de condicións do contrato do servizo de limpeza pública viaria que vén de aprobar o goberno local e que tamén reforzará a atención na zona rural. <br />

xoves, 24 ago 2017
O rexedor apuntou que, amais da mellora que supoñerá a nova concesión no servizo prestado na zona rural, tamén se mellorará a recollida no Casco Vello xa que "empeza a ser un dos grandes lugares de encontro da cidade".

Así, o lixo recollerase "porta a porta en todo o ámbito, incluíndo domicilios e establecementos de hostalería" e farase dúas veces ao día, ao mediodía e pola noite. Segundo explicou, os contedores non estarán na rúa senón que soamente poden permanecer na vía pública no momento da recollida.

O contrato contempla tamén a utilización de vehículos e medios de limpeza "ecoloxicamente efectivos" co nivel mínimo posible de emisións para substituír aos antigos de combustibles fósiles tradicionais.

Ademais, Abel Caballero avanzou que o Concello establecerá un punto limpo móbil, cuxo servizo de recollida se activará coas chamadas dos usuarios para a recollida no domicilio de residuos reciclables, tóxicos, perigosos, contaminantes e tamén para os aparellos electrónicos e eléctricos.