Escoitar

A Autoridade Fiscal Independente certifica o liderado estatal das finanzas do Concello

O organismo independente salienta a débeda cero, o cumprimento da regra de gasto e o superávit do Concello de Vigo, e o sitúa no "lugar top" das cidades españolas, segundo valorou este xoves o alcalde. Caballero engadiu que o Concello de Vigo é o que antes paga aos proveedores das grandes urbes de España.

xoves, 24 ago 2017
A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) vén de elaborar un informe sobre a previsións a peche de 2017 no que sitúa ao Concello de Vigo no "lugar top" das cidades españolas, segundo indicou Caballero este xoves.

O alcalde recordou que a autoridade fiscal destaca a débeda cero do Concello de Vigo, o cumprimento da regra de gasto e o superávit municipal, cumprimento duns parámetros que fan da administración viguesa líder dos concellos de máis de 250.000 habitantes.

Abel Caballero engadiu que os datos do Ministerio de Facenda confirman que o Concello de Vigo é a gran cidade española que antes abona as súas facturas, facéndoo nove días antes de que comece a contar o cómputo de 30 días de prazo para facelo.

"Estamos no top de toda España. En termos fiscais, de ingresos, de gastos, de solvencia económica e de capacidade de xestión, somos os mellores de España", asegurou Caballero, quen recordou a "baixísima presión fiscal" na cidade de Vigo. "Somos uns bos xestores do público", apuntou o rexedor baseándose nos ditames do Ministerio e da AIReF.