Escoitar

O goberno de Vigo aproba a humanización de Marqués de Valterra, que contará con dous ascensores a Torrecedeira

Caballero informou da aprobación do proxecto da segunda fase da humanización de Marqués de Valterra, por máis de 870.000 euros. Nesta vía o Concello instalará dous ascensores que conectarán con Conde de Torrecedeira: un á altura da rúa Instituto Oceanográfico e outro, en Juan Ramón Jiménez.

venres, 11 ago 2017
A reforma conleva un investimento do Concello superior aos 870.000 euros e a actuación entre as rúas Gaiteiro Portela e Juan Ramón Jiménez. Xunto ás características habituais das humanizacións -arborado, beirarrúas en granito, nova iluminación...-, o alcalde salientou que a obra inclúe a instalación dun ascensor acristalado á altura da rúa Instituto Oceanográfico, que conectará Marqués de Valterra con Conde de Torrecedeira.

Caballero adiantou que un segundo ascensor unirá ambos viais, un elevador que estará emprazado á altura da rúa Juan Ramón Jiménez. Estes dous ascensores supoñerán unha "enorme dignificación" da zona de Marqués de Valterra, segundo saudou o alcalde.

"Estamos a facer un sistema vertical que una o Auditorio, en suma, Beiramar, con Camelias", expuxo Caballero. O ascensor anunciado hoxe de Marqués de Valterra chegará ata Torrecedeira, onde irá un segundo para subir ata Pi y Margall e conectar así co xa operativo ata a Avenida das Camelias.

En relación ao Vigo Vertical, engadiu o rexedor vigués, o goberno da cidade aprobou esta mañá a contratación das obras e a apertura da licitación dun novo ascensor na cidade, entre San Salvador e a Praza Isabel La Católica. O importe é de 714.000 euros para unha reforma que conservará as escaleiras.