Escoitar

Caballero celebra o nexo entre a universidade e a industria viguesa no MESIC 2017

O 7º Congreso Internacional da Sociedade de Enxeñería de Fabricación reunirá en Vigo, entre o 28 e o 30 de xuño, a expertos mundiais e investigadores de referencia no sector baixo a organización da Universidade de Vigo, o Colexio de Enxeñeiros Industriais e ASIME coa colaboración do Concello.

mércores, 14 xuñ 2017
1497441112mesic.JPG
O alcalde destacou a cooperación municipal que "estará sempre nos proxectos globais da cidade" e puxo en valor que este encontro de profesionais, investigadores e docentes sirva como "nexo entre a universidade e a sociedade industrial de Vigo, un modelo especialmente importante que celebramos".

Na presentación este mércores do 7º Congreso Internacional da Sociedade de Enxeñería de Fabricación participaron o reitor da Universidade, Salustiano Mato, o coordinador do Congreso, Enrique Ares, o vicedecano do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Constantino García e Enrique Mallón, secretario xeral de ASIME.

Salustiano Mato destacou que o congreso é o paradigma do que "somos e seguiremos sendo na Universidade de Vigo: a conexión da investigación e a enxeñería co mundo real" e destacou que servirá para poñer en valor o traballo universitario e a cidade. O coordinador do Congreso explicou que contará con máis de 200 expertos internacionais, con 1.000 autores representados e que servirá de foro de intercambio de experiencias do mundo académico e profesional, servindo como espazo de transferencia e recepción dos avances en tecnoloxía e aplicación do coñecemento neste campo.

Coa Escola de Enxeñería Industrial e o Auditorio Mar de Vigo como sedes das xornadas, abordaranse varias áreas temáticas: os avances e innovacións en procesos de fabricación, a evolución dos sistemas de fabricación, a metroloxía e calidade na fabricación, tecnoloxías asistidas para o apoio da enxeñería de Fabricación, a fábrica do Futuro e Industria 4.0 e a enxeñería de fabricación na sociedade: saúde, seguridade e riscos, patrimonio, ensinanza, aprendizaxe, divulgación e difusión.
Descargar todas as imaxes