Escoitar

O Concello programa arte en colexios, concertos, xornadas e obradoiros na terceira edición do programa de medianeiras

O alcalde e a tenente de alcalde presentaron este xoves as actividades complementarias á edición deste ano do programa de medianeiras e arte urbana, un "énfase especial en toda a acción cultural" que inclúe obradoiros para os pequenos, arte en colexios, xornadas, concertos e un mural especial en favor da loita contra a violencia de xénero.

xoves, 25 mai 2017
1495717912medianeras.JPG
Xunto ao embelecemento de quince novas medianeiras na cidade, a terceira edición do programa municipal de arte urbano inclúe actividades complementarias coas que o goberno de Vigo quere poñer un "énfase especial en toda a acción cultural" para que a cidade teña participación e esta iniciativa sexa "unha mobilización colectiva", en verbas de Caballero.

En rolda de prensa, o alcalde informou este xoves da programación preparada, que comezará este mesmo luns e concluirá na primeira fin de semana de xullo. O Concello arranca as actividades complementarias coa arte en colexios da cidade durante o mes de xuño, onde os alumnos e alumnas de seis centros educativos poderán facer os seus propios murais. Son o Eduardo Pondal (que o fará do 29 de maio ao 9 de xuño), o Ramón y Cajal (do 1 ao 9 de xuño), o Javier Sensat (do 1 ao 11 de xuño), o Seis do Nadal (do 12 ao 16 de xuño), o Saladino Cortizo (do 19 ao 23 de xuño) e o García Barbón (do 19 ao 30 de xuño).

A segunda das propostas elaboradas polo Concello chámase "URBANIZARTE", obradoiros de arte urbana para nenas e nenos en distintos puntos de Vigo, durante a primeira quincena de xuño. O sábado 3 de xuño comezará na rúa do Príncipe, das 17 ás 19 horas; o luns 5 de xuño estará na Praza de América, de 11 a 13h; o mércores 7 de xuño en Navia, o venres 9 de xuño en Bouzas e o luns 12 de xuño en Jenaro de la Fuente, estas tres tamén en horario de mañá, de 11 a 13 horas.

"Non podía faltar a música", asegurou Caballero antes de presentar os cinco concertos programados para cada venres do mes de xuño. O 2 de xuño tocará Antilia no Calvario; o 9, Antifragil nas Travesas; o 16, Tincho en Navia; o 23, Denova no MARCO; e o 30 de xuño, Best Boy, na Porta do Sol.

A edición deste ano presenta unha novidade baixo o título de "Expostas", unha acción de sensibilización que procura lanzar unha mesaxe en prol da "igualdade", adiantou Abel Caballero, cun mural que versará sobre "a loita contra a violencia de xénero", emprazado na Avenida de Castelao. Esta obra, de "importante" contido social, da continuidade á medianeira realizada o ano pasado en Coia en homenaxe a Érguete.

Por último, o programa de actividades complementarias conclúe na primeira fin de semana de xullo cunhas xornadas de arte urbana nas que participarán "expertos do máximo nivel", procedentes de dentro e fóra das nosas fronteiras, revelou o alcalde vigués.
Descargar todas as imaxes