Escoitar

Máis de mil persoas participaron nos cursos de formación das hortas urbanas

Máis de mil usuarios formaron parte dos cursos de formación que oferta o Concello dentro do proxecto de hortas urbanas. Tal e como detallou o rexedor, na actualidade, hai 350 persoas traballando en calquera dos nove espazos de cultivo distribuídos por toda a cidade.

luns, 22 mai 2017
Vigo conta con nove hortas urbanas que ocupan unha extensión aproximada de 16.000 m2. Concretamente, están situadas en Navia, Fontáns (a carón de Ramón Nieto), Pedro Alvarado (Teis), Camelias, Sardomela (a carón do colexio Sello en Cabral), Vigozoo, Casa da Xuventude e Ramón Nieto, onde hai dúas, unha delas adicada a nivel II de horta-escola, o que supón que aqueles participantes que leven máis de un ano no nivel I, poidan solicitar unha parcela de preto de 20m2.

Segundo explicou o rexedor, hai 350 usuarios activos nas hortas urbanas, un número que se eleva a 1.063 se falamos dos participantes en cursos de formación. O programa consta de varias etapas: formación, adxudicación de bancais con apoio para a súa creación e xestión e, unha vez que o usuario é autónomo, asesoramento e coidado do bancal.