Escoitar

Vigo volve a ser a cidade española con máis bandeiras azuis

Caballero relacionou esta mañá estas distincións co fomento de turismo e amosou a súa satisfacción porque Vigo revalida os 12 recoñecementos medioambientais que obtivo o ano pasado. Un ano máis, as bandeiras azuis ondearán en 9 praias e 3 sendeiros da cidade.

mércores, 10 mai 2017
As doce distincións de bandeiras azuis que revalidou Vigo este ano contribuirán de xeito importante ao fomento e crecemento do turismo na cidade. Así o constatou esta mañá o rexedor nunha rolda de prensa na que puxo en valor estes recoñecementos porque sitúan a Vigo como a cidade española con máis bandeiras azuis de toda España. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor valora, entre outros aspectos, a limpeza dos areais, o coidado, a vixilancia, o salvamento ou a atención médica.

Tal e como lembrou, as praias que validaron este recoñecemento son: Areal da Punta, Tombo do Gato, Argazada, Fontaíña, Vao, Canido, Fortiñón, Rodas e Figueiras. Ademais, ao igual que o ano pasado, aos areais hai que sumar tres distincións de sendeiros: o "Camiño do Lagares" e outros dous que xa se conseguiron no 2015: a "Senda entre Faros nas Illas Cíes", que parte da praia de Rodas e chega ata o dous faros da illa e a "Senda litoral e do Monte da Guía", en Teis, que transcorre polo Monte da Guía, praia da Punta e a ETEA.