Escoitar

O Concello pagará arredor de 1.200.000 euros polo túnel entre Lepanto e a nova estación de autobuses

As partes abordaron os custos previsibles da construción dos accesos á estación de Thom Mayne, de autobuses e a conexión coa AP9, que se sitúa entorno aos 10 millóns de euros. O goberno de Vigo asume ademais o custo total do derribo do paso elevado sobre Alfonso XIII.

martes, 11 abr 2017
Abel Caballero informou este martes dos acordos alcanzados nas últimas horas tras unha "reunión importante" celebrada en Madrid para "desbloquear" definitivamente a estación de Thom Mayne. No encontro tratáronse os custos estimados das obras vinculadas aos accesos á estación, o túnel da rúa Lepanto e a conexión da infraestrutura coa AP9, uns proxectos que se sitúan entorno aos 10 millóns de euros.

Sobre o túnel de Lepanto, que conectará a cidade coa nova terminal de autobuses, Caballero considérao "unha gran solución a unha barbaridade e disparate que nunca se debeu cometer" en Vigo". Explicou que ten 350 metros de longo, dos que o Concello pagará o tramo urbano ao 50%, que se corresponde cos 190 primeiros metros, cun importe estimado das obras de 1.200.000 euros.

Ademais, o Concello acometerá a demolición do paso elevado de Alfonso XIII, algo no que o rexedor ten "moito interese porque así asegúrome de que se fai e faremos unha grande festa ao tiralo". Sobre o custo desa obra dixo que era "moi menor" e que, en canto o túnel esta en funcionamento, "ao día seguinte tirámolo".

O prazo de execución de todas as obras previstas para desenvolver o proxecto da Estación de Thom Mayne é de 24 meses pero cómpre ter en conta que queda por diante a tramitación e a aprobación do proxecto que se realizará ao abeiro da Lei 3/2016.

O alcalde de Vigo sinalou que a cooperación do Concello no proxecto foi "substancial, central e definitiva", xa que mantivo "toda a cooperación", incluído o financiamento" e recoñeceu o comportamento de ADIF, algo que destacará nunha carta que anunciou que enviará ao Ministro de Fomento.