Escoitar

O goberno de Vigo apoia con 214.000 euros a entidades de Benestar

O alcalde asinou este martes convenios de colaboración con AFAGA, a Asociación de Persoas Xordas de Vigo, a Asociación Vida Digna e o Banco de Alimentos. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou dous proxectos de apoio a emprendedores.

martes, 11 abr 2017
1491914248convenios.JPG
Coa máxima de que "a política social é o máis importante que hai en Vigo", Abel Caballero firmou este martes catro convenios de apoio a entidades da área de Benestar por un valor total de 214.000 euros.

En virtude do mesmo, AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer) recibirá 18.000 euros, a Asociación de Persoas Xordas de Vigo 20.000 euros, a Fundación Provincial Banco de Alimentos recibe 86.000 euros e a Asociación Vida Digna 90.000 euros. No caso destas dúas entidades, o rexedor apuntou que "é practicamente a axuda máis importante que teñen" e, no nome da cidade, agradeceulles o seu labor, especialmente nos comedores sociais.

Ademais, o alcalde deu conta da aprobación na Xunta de Goberno Local do proxecto empresarial "Saudepet", orientado á xeración de emprego para ofrecer servizos para mascotas e o proxecto "Novos Vigueses polo emprendemento", un programa de itinerarios de emprendemento xuvenil destinado a mozos de entre 16 e 30 anos que recibirán formación individual e aprendizaxe con estancias en Start-ups. O proxecto no que o goberno municipal ten "gran confianza" desenvolverase entre setembro e abril de 2018 e contará cunha achega de case 200.000 euros.
Descargar todas as imaxes