O alcalde salienta que o temporal non provocou danos persoais na cidade
Abel Caballero informou este venres ao mediodía das intervencións realizadas polos servizos de bombeiros que superaron a cincuentena en toda a cidade, con todos os efectivos traballando en cuestións relacionadas co temporal.
Sen ter que lamentar danos persoais "afortunadamente", os servizos municipais atenderon, entre outros, desprendementos de cascotes nun edificio na rúa Pizarro, máis dunha cincuentena de árbores caídas (en subida á Madroa, Arnela, Canadelo Baixo ou Bembrive), a caída dunha valla publicitaria na avenida de Madrid que obrigou a cortar un carril, o desprendemento dun cerre nunha finca de Santa Tegra , a caída dunha cuberta en Valladares, a caída dunha tapa de cheminea en Pi y Margal, a dun poste eléctrico en Camiño Figueiras ou a dun canlón en Travesía de Vigo; tamén un desprendemento na fachada do Concello na Praza do Rei.