Escoitar

Aberto o prazo para optar ás 92 estancias no estranxeiro que oferta o Concello para a Escola de Idiomas

Segundo informou Abel Caballero, o Boletín Oficial da Provincia publica este luns a convocatoria das bolsas de estudos que oferta o goberno de Vigo para o alumnado da Escola Oficial de Idiomas de Vigo. Os interesados poden optar desde este martes a algunha das 92 prazas dispoñibles, despois de que o Concello duplicara este ano o orzamento e o número de vacantes.

luns, 16 xan 2017
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que as bolsas de estudos no estranxeiro para o alumnado da Escola Oficial de Idiomas viguesa abre desde mañá o prazo de presentación de solicitudes, toda vez que hoxe luns foi publicada a convocatoria no BOP.

De cara ao 2017, o goberno de Vigo incrementa as vacantes e oferta 92 prazas, despois de ter duplicado o orzamento ao efecto ata os 160.000 euros, tal e como recordou Caballero. A maior parte das bolsas son para Londres (68), aínda que o Concello tamén reserva para París (10), Berlín (5), Roma (4), Lisboa (2), Tokio (2) e Pekín (1).

"Queremos que Vigo sexa a cidade do dominio de tres linguas", explicou Abel Caballero ante os medios, ao tempo que recordou que o Concello tamén dispón de 617 bolsas para que alumnado da ESO estude inglés no estranxeiro. No goberno de Vigo "damos máis becas para estudar inglés que as comunidades autónomas de Madrid e Catalunya xuntas", asegurou.