Escoitar

O Concello inviste 330.000 euros en equipamentos deportivos nas Travesas e Teis

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres o nomeamento das direccións facultativas das obras de instalación de pavimentos deportivos elásticos na pista vermella de As Travesas e Teis e na cubrición da piscina da ETEA, que permitirá dotar un novo equipamento a esta zona.

venres, 13 xan 2017
Abel Caballero informou hoxe da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local do nomeamento das direccións de obras de investimento na cidade coas que "poñer novas instalacións deportivas en uso". É o caso das obras de instalación dos pavimentos deportivos elásticos na pista vermella das Travesas e no Pavillón de Teis e das obras de accesos e cubrición na piscina da ETEA que ascenden a 330.000 euros.

Segundo explicou, a cobertura da piscina proporcionará un novo pavillón deportivo de "moita utilidade" para Teis e a cidade. Neste momentos, dixo, hai en Teis unha piscina pública "enormemente subvencionada cun 40% de prazas sen ocupar", de maneira que cando as vacantes se cubran e haxa demanda, abrirase novamente a piscina da ETEA.

Explicou o rexedor que a subvención media municipal ás piscinas é "dun cuarto de millón de euros", polo que considera que "hai que racionalizar os recursos da cidade xa que están pagados cos impostos dos cidadáns". Así entende que a cubrición desta instalación permite poñer ao dispor da cidadanía un ámbito novo que "aos efectos é un novo pavillón deportivo a disposición da cidade".