Escoitar

Nova oferta de visitas guiadas á exposición "Emporium. Mil anos de comercio en Vigo"

A Concellería de Cultura oferta novas visitas guiadas á exposición "Emporium. Mil anos de comercio en Vigo", que se celebra no Verbum-Casa das Palabras e que presenta as relacións comerciais de Vigo dende a Prehistoria ata a chegada dos árabes á Península Ibérica. A mostra está aberta ata o 28 de maio.

mércores, 11 xan 2017
14841436303090.JPG
Esta exposición, de produción propia do Concello de Vigo, pretende dar unha oportunidade á cidadanía, especialmente á viguesa, de coñecer o pasado que explica en grande medida o noso presente como cidade portuaria, industrial e comercial. Os materiais e pezas expostos proveñen principalmente dos fondos do Museo Municipal "Quiñones de León", complementados con elementos doutros museos de Galicia.

A mostra estrutúrase en tres momento cronolóxicos nos que se determinan aspectos económicos-comerciais diferentes: Prerromano, Romanidade e Tardoantigüidade, e o desenvolvemento expositivo está realizado, co máximo rigor científico e académico, por especialistas en Historia e Arqueoloxía.

Trátase dun novo ciclo de visitas guiadas que realizarán monitores didácticos seguindo os materiais elaborados dispoñibles, que poden descargarse a través da web "www.vigocultura.org". No caso da oferta dirixida a grupos escolares (3º ciclo de primaria, 1º ciclo da ESO e 1º de Bacharelato), precisan inscrición previa, e realizaranse os martes e xoves, non festivos, ás 9:45 h e ás 11:30 h, do 7 de febreiro ao 25 de maio.

Tamén existe a posibilidade de visitas guiadas para as persoas presentes na sala de exposicións os sábados, non festivos, ás 18:00 h, do 11 de febreiro ao 27 de maio.

En todos os casos, o acceso é gratuíto
Descargar todas as imaxes

Máis información