Escoitar

A Área Metropolitana recorrerá a decisión da Xunta de non inscribila no Rexistro

A Xunta de Goberno Metropolitana reuniuse este mércores en sesión extraordinaria na que acordou presentar recurso de alzada ante o rexeitamento da Xunta de Galicia de inscribir o ente no Rexistro de Entidades Locais. Tamén abordou o Plan Cuadrienal de actividades da Área e solicitou á Xunta de Galicia a designación dos membros do Comité do Transporte Metropolitano e da Comisión de Urbanismo.

mércores, 11 xan 2017
1484142487area.JPG
A segunda reunión do goberno metropolitano de Vigo acordou presentar un recurso de alzada ante a Vicepresidencia da Xunta de Galicia pola resolución de rexeitamento da inscrición da Área Metropolitana no Rexistro de Entidades Locais de Galicia.

Abel Caballero explicou que a decisión do goberno autonómico é "absolutamente arbitraria e indebida e temos a seguridade de que será anulada por calquera tribunal" e cualificou de "gravísimo erro administrativo" esta resolución. A xuízo do alcalde, a Xunta incumpriu un elemento fundamental que é o de dar coñecemento dos documentos que citan na resolución e que non ten o Concello de Vigo, que xa reclamou esa documentación "hai tres días".

Ademais, o goberno metropolitano adoptou decisións para continuar desenvolvendo a Lei de Área Metropolitana de Vigo como a petición á Deputación e á Xunta da designación dos seus representantes no Comité de Coordinación do Transporte Metropolitano e na Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Así, na vindeira Asemblea quedarán nomeados os representantes dos Concellos no Comité de Transporte ata o total de tres membros con voz e voto que contempla a Lei: un designado pola Xunta e dous designados pola Área, dos que un será dun municipio con transporte urbano e outro dun municipio sen transporte urbano. A Comisión de Territorio está composta por 20 integrantes: dez nomeados pola Xunta de Galicia, entre eles o Vicepresidente, e dez nomeados pola Área entre os que están o presidente da Área, e dos que cinco serán do Concello de Vigo designados polo Pleno e os outros cinco serán dos restantes municipios.

Liñas estratéxicas do Plan Metropolitano
A Xunta de Goberno tratou tamén as liñas estratéxicas do Plan Metropolitano Cuadrienal de Actividades, Obras e Servizos no que figuran os obxectivos de actuación para os primeiros anos de traballo: a gobernanza metropolitana; a promoción e o desenvolvemento económico; emprego e formación; cooperación na prestación de servizos como a limpeza, os residuos sólidos ou a auga "buscando un mecanismo de cooperación"; a cohesión e os servizos sociais; sanidade e saúde, onde segundo o rexedor vigués hai serias deficiencias e queremos propoñer reformas para que a Área teña presenza nalgúns ámbitos; educación; promoción turística; promoción cultural e protección do patrimonio; planificación e xestión do medioambiente; mobilidade e transporte; ordenación do territorio e cooperación urbanística; infraestruturas e equipamentos; seguridade para coordinación de bombeiros, Protección Civil ou Policía e as tecnoloxías da información e comunicación.

Para Caballero a reunión foi "moi importante" e serviu para a posta en común por unanimidade, dixo, das cuestións que afectan á cidadanía que é "o que realmente importa".
Descargar todas as imaxes