Escoitar

O alcalde valora a marcha "excepcional" da cidade no 2016 e a súa "estabilidade política"

Caballero fixo balance este luns do ano que conclúe, salientando a política social e de emprego aplicada, a débeda cero municipal, as humanizacións por 27 millóns de euros, o crecemento do aeroporto de Vigo e a constitución da Área Metropolitana. O rexedor enfatizou a "estabilidade política" coa que conta Vigo, que permite que a marcha da cidade sea "excepcional" comparada co resto de cidades.

luns, 26 dec 2016
1482758053balance.jpg
Abel Caballero comezou o repaso do ano 2016 enfatizando o "importantísimo" de que Vigo conte coa "estabilidade política" que lle concede unha maioría que non ten ningunha das cen principais cidades de España. Como exemplo, citou o rexedor, a aprobación definitiva dos orzamentos do Concello para 2017 -que previsiblemente terá lugar mañá martes-, sendo Vigo a primeira das grandes urbes en ter as súas contas para o próximo ano en vigor.

O alcalde subliñou a transformación experimentada pola cidade neste ano, onde continuou cunha política de humanizacións que chega a case 750 rúas da cidade, 170 quilómetros de asfaltados, con 150 parques infantís e 75 parques biosaudables. Actualmente, o goberno de Vigo acomete corenta novas humanizacións cun investimento de 27 millóns de euros, ademais de adicar tres millóns ao pavimentado de vías no rural vigués.

Caballero destacou tamén o proxecto do Vigo Vertical, coa contratación da segunda fase das escaleiras da Segunda República e o inicio de proxectos en San Salvador, no parque Camilo José Cela e en Carral. Engádese o EDUSI, financiado con 15 millóns de fondos FEDER e outros 3,5 millóns municipais, para levar adiante accións do Vigo Vertical no Castro, na Gran Vía, no casco histórico, na estación de Urzáiz e no entorno do antigo Hospital Xeral.

No capítulo da transformación da cidade, o primeiro edil sumou a trintena de murais en medianeiras do programa de arte urbano -que contará con medio millón de euros no 2017- e a consecución da quinta Vasoira de Platino consecutiva pola limpeza da cidade.

No apartado financeiro, o alcalde expuxo que o Concello presentou un orzamento para o ano de 233 millóns, ten actualmente débeda cero, a menor presión fiscal das cidades galegas e exime en case 7,5 millóns do pago de tributos aos cidadáns.

O rexedor volveu reiterar que Vigo ten a maior política social de España e avanzou que as contas do ano próximo incrementarán os fondos ao efecto con respecto ao 2016. Citou Caballero os case 2,5 millóns de euros adicados a evitar desafiuzamentos, o centro de inclusión social, o programa de menores e as bolsas de estudos como exemplos, singularizando as 3.000 axudas a 1.890 familias con poucos recursos para abonar gastos de vivenda, enerxía e alimentación.

Na educación, o goberno da cidade concedeu achega de comedor e libros a 5.000 nenos e nenas, incrementou as bolsas de inglés outorgadas ata as 617 e adicou dous millóns a subvencionar as oito escolas infantís municipais. O 2016 foi o ano da "consolidación" da UNED na cidade, asegurou o rexedor vigués. O Mar de Vigo acolle a nova sede desta Universidade -con trece titulacións- e unha gran sala de lectura con 450 postos.

Sobre emprego, o alcalde valorou os máis de 5 millóns adicados á xeración de postos de traballo e cifrou en 3.000 os empregos creados de forma directa -cos plans de emprego municipais- e indirecta -mediante os investimentos impulsados polo goberno de Vigo-.

Caballero subliñou ademais a suba do 40% na achega ao deporte de base no 2016 e valorou que 32.000 persoas practican deporte en Vigo subvencionadas polo Concello. Por outra banda, o goberno local exime a entidades educativas e sociais do pago de 236.000 euros en concepto de uso de instalacións deportivas municipais. O alcalde amosouse "orgullosísimo" da remodelación da bancada de Tribuna, no estadio municipal de Balaídos, "practicamente concluída" cun investimento de 5,2 millóns, e recordou que o Concello tamén licitou a reforma de Río, por 6,7 millóns, este mesmo ano.

O ano que remata, apuntou Caballero, foi o do "gran despegue" do aeroporto de Vigo, cun crecemento acumulado do 35,6%, o maior das principais terminais aéreas españolas. Este ano tamén se promoveu a rehabilitación da Panificadora (con 2,5 millóns orzamentados polo Concello de cara ao ano que vén e o concurso de ideas neste momento en marcha) e a construción do aparcamento municipal gratuíto no Hospital Álvaro Cunqueiro (con 735.000 euros de investimento do Concello)

A nivel político, Abel Caballero recordou que Vigo preside a Federación Española de Municipios e Provincias por primeira vez e, desde a súa presidencia, se logrou este ano a revisión do teito de gasto e a prohibición ás eléctricas de cortar o subministro de enerxía sen un informe municipal previo que descarte a situación de pobreza.

O 2016 viu finalmente a constitución da Área Metropolitana de Vigo, tras case que vinte anos de proceso, tal e como recordou Caballero. O alcalde asegurou que este novo ente administrativo, xa en vigor, forma parte dos tres principais fitos territoriais de Galicia, xunto á división en provincias e ao Estatuto de Autonomía de Galicia.

O alcalde pechou o balance do ano recordando a anulación do Plan Xeral por parte do Tribunal Supremo, que achacou a un acto administrativo imputable á Xunta de Galicia. Por último, concluíu que "a parte municipal de Vigo, comparada co resto de cidades de España, é excepcional; non boa, excepcional", pois "moitos concellos de España nin sequera tiveron orzamento en 2016, polo tanto, paralizados; e Vigo vai a toda marcha".
Descargar todas as imaxes