Escoitar

O rexedor destaca a solidez do Concurso de Violín da cidade que acada a quinta edición

Abel Caballero presentou este xoves o V Concurso Cidade de Vigo de Violín, Viola e Violoncello que se desenvolve entre o 2 e o 5 de decembro coa participación de 48 intérpretes de España e Portugal e convidou a toda a cidade a asistir aos concertos.

xoves, 24 nov 2016
1479998335violin.jpg
O rexedor apuntou que se trata dunha cita cultural "notable na cidade" que congregará a 48 participantes entre o 2 e o 5 de decembro no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Durante a presentación do programa, acompañado por Elisabeth Taylor e Tito Ucha, da Asociación Galega de Instrumentos de Corda (AGIC), Caballero amosou a súa satisfacción pola consolidación do certame, que é "a crónica dun éxito anunciado porque naceu con bo pé, ben enfocado e é un proxecto sólido con grande presenza que marca unha parte da acción e vida cultural de Vigo" e convidou á cidadanía a asistir aos concertos abertos ao público.

A quinta edición do Cidade de Vigo de Violín, Viola e Violoncello incorpora este ano a viola como instrumento, a petición do xurado, que estará presidido por Maximino Zumalave, fundador de la Orquestra Filarmónica de Galicia, e contará co músico vigués Roberto Alonso, profesor na Universidade de Houston. Entre os 48 participantes, segundo explicou Elisabeth Taylor, haberá cinco ou seis intérpretes galegos e os demais proceden de España e Portugal o que implica, ao seu entender, a consolidación da cita no circuíto ibérico. Destacou ademais que tres dos gañadores da edición pasada, conseguiron unha bolsa da Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid.

O concurso comeza o venres 2 de decembro co concerto dos gañadores da edición de 2015 e o domingo 4 será o concertos dos gañadores desta edición, nunha sesión aberta a todo o público no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Descargar todas as imaxes