Escoitar

Caballero: "A Deputación é agora unha aliada extraordinaria e permanente do progreso de Vigo"

Abel Caballero destacou os investimentos da Deputación de Pontevedra en Vigo desde que Carmela Silva está ao frente do organismo. Logo de asinar dous convenios de cooperación -para sendeiros azúis e para campos de fútbol-, o rexedor cualificou ao goberno provincial como "aliado extraordinario e permanente do progreso de Vigo".

luns, 7 nov 2016
1478529994convenio.JPG
Abel Caballero e Carmela Silva asinaron esta mañá sendos convenios de cooperación en materia de sendeiros azúis e campos de fútbol polos que a Deputación achegará a Vigo uns 340.000 euros. Este acordo é unha proba máis do compromiso do goberno provincial cunha "cidade que ata hai quince meses nunca tivo o apoio da Deputación", apuntou Silva. Abundando nos cambios no trato á Vigo que experimentou o ente provincial desde que cambiou o goberno, Caballero cualificou agora ao ente provincial como "aliado extraordinario e permanente do progreso de Vigo", un cambio de actitude respecto aos anos de goberno do PP que rematou coa chegada de Carmela Silva á presidencia.

Tal e como explicou a mandataria, a Deputación achega a cofinanciación e o Concello é o responsable da contratación e da execución de accións en tres sendeiros azúis: Senda de ribera e litoral (Camiño Beiramar), Senda entre faros (Illas Cíes) e Senda Litoral e Monte da Guía. Promoción turística e ambiental, traballos de sinaléctica, consolidación de infraestruturas ou a instalación de novo mobiliario serán algunhas das iniciativas previstas, que terán que estar rematadas antes do 31 de decembro.


Campos de fútbol
Na rolda de prensa, Silva tamén de conta da asinatura dunha adenda ao convenio asinado en 2015 para realizar obras de mantemento, reparación e conservación en campos de fútbol de Vigo. O obxectivo é prorrogar a súa vixencia -ata o 30 de xuño de 2017- para dar continuidade ás accións iniciadas, ademais de incluir novas propostas. Este acordo, polo tanto, permitirá acondicionar as seguintes instalacións: As Relfas (Sárdoma-Moledo), San Andrés de Comesaña, Meixoeiro, A Bouza, A Guía, Santa Mariña (Cotogrande-Cabral) e Castrelos (Monte da Mina). O orzamento é de 580.000 euros que se financiarán ao 50% entre Concello e Deputación.
Descargar todas as imaxes