Escoitar

O Concello sitúase á cabeza de Galicia no pago a provedores

A sesión plenaria celebrada este luns tomou coñecemento do informe trimestral de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos de pago das obrigas municipais e do estado de execución dos gastos e ingresos do Orzamento correspondente ao terceiro trimestre de 2016 así como o estado de gastos e ingresos do Orzamento do mesmo período.

luns, 7 nov 2016
O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, explicou no Pleno da Corporación deste luns que, grazas á "excelente xestión financeira" do goberno municipal, Vigo é a primeira cidade galega en aboar o pagamento aos provedores e a terceira de España, cun prazo medio de 20 días antes de que comece o período legal para facelo, fronte aos 87 de media do resto de concellos. Segundo expuxo, os datos son aínda mellores no último trimestre de 2016 cunha media de 10,3 días en setembro e 12 días en outubro e, no último mes de agosto, Vigo pagou cinco días antes de que comezase a computar o prazo, mentres Ourense precisou 44 días, Santiago 30 e a Coruña 23 días.

O Pleno tamén abordou o estado de execución do estado de gastos e ingresos do Orzamento, correspondente ao terceiro trimestre de 2016. onde o Concello está realizando "unha boa xestión económica", de maneira que se teñen executadas xa a meirande parte das partidas destinadas a educación e política social coas bolsas de libros e comedor, as axudas a familias e o fondo de emerxencia ante os desafiuzamentos (case 600.000 euros), a prestación de servizos no fogar (máis de 2 millóns de euros), as reparacións e limpezas dos colexios ou as actividades deportivas así como o pago do canon de Sogama, que ascende a 5,6 millóns de euros.

O edil de Facenda explicou que, ata o mes de setembro, se pagaron máis de 141 millóns de euros respecto aos máis de 173 millóns comprometidos, cunha execución total de 48,9 millóns de euros, e que o capítulo de pasivos financeiros está executado ao 100% polo que Vigo mantén a débeda cero. No relativo aos investimentos, hai 5,2 millóns de gasto comprometido e os pagos realizados superan os 2 millóns de euros.

No tocante aos movementos de Tesourería, Jaime Aneiros explicou que o saldo é superior aos 52 millóns de euros, que serven para "ter a solvencia necesaria para realizar o pago a provedores", cumprindo as obrigas do Concello.

O voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, criticou que a execución orzamentaria é menor neste exercicio e instou ao goberno municipal a que "faga política presupostaria real", especialmente no que se refire ao capítulo de investimentos. Elena Muñoz, voceira do Partido Popular, aludiu á "absoluta parálise" do Concello polos "datos demoledores" da execución orzamentaria que implica, ao seu entender, que non se estea investindo nos vigueses.