Escoitar

O Auditorio Mar de Vigo acolle desde hoxe aos miles de alumnos que estudan na UNED en Vigo

O alcalde e a presidenta da Deputación visitaron o Auditorio Mar de Vigo o mesmo día que arrancan as clases da UNED nestas instalacións. Ambos dirixentes coincidiron ao cualificar de "extraordinarios e magníficos" uns espazos que foron acondicionados e dotados de mobiliario grazas ao financiamento da Deputación.

luns, 10 out 2016
1476104259UNED2.jpg
As clases na UNED arrancan hoxe luns no recentemente remodelado Auditorio Mar de Vigo, un "soño" para a cidade con miles de persoas que cursan os seus estudos a distancia. Durante unha visita as instalacións, Caballero avanzou que o ano que vén serán 18 as carreiras que se impartan neste espazo que ven de ser acondicionado coa colaboración económica da Deputación.

Nesta mañá de luns, nun percorrido polas aulas no que participaron o alcalde, Carmela Silva e David Regages, Caballero felicitouse porque "por primeira vez a Deputación mira cara Vigo, traballa para Vigo e forma parte de Vigo". Cualificou de "magníficas" as instalacións, con "bos" accesos e insistiu en que esta iniciativa permitirá dotar de habitabilidade a zona, para recuperala. Referiuse á sala de lectura do 6º andar -dotada de 500 postos- como a máis grande de toda Galicia e abriu a posibilidade de que estes espazos poidan albergar máis usos cidadáns en horarios distintos ás clases. Rematou recoñecendo o traballo do concelleiro responsable da obra, o edil de Fomento, David Regades.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación e tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, amosou a súa "enorme satisfacción" porque a UNED é un dereito dos cidadáns que merecen recibir formación nun espazo digno. Cualificou as aulas de "extraordinarias" e avanzou que Vigo vai ser un dos centros da UNED máis importantes de España.
Descargar todas as imaxes