Escoitar

O Concello convocará un concurso de ideas para a recuperación da Panificadora

O goberno local levará este martes á Comisión técnica coa Zona Franca a folla de ruta prevista para a rehabilitación do edificio e a contorna que contempla a elección do proxecto a través dun concurso público coa idea de conservar ao máximo as instalacións industriais, incluír espazos abertos para a cidadanía e co obxectivo de atraer a unha empresa tecnolóxica que dinamice a Panificadora, onde debe situarse o Centro de Investigación Gastronómica e unha biblioteca.

luns, 10 out 2016
Abel Caballero deu conta este luns da "folla de ruta" que esta tarde expoñerá o Concello na primeira reunión da Comisión Técnica coa Zona Franca anunciando que xa iniciou o proceso de expropiación de algunhas zonas anexas á Panificadora, tendo avanzado na adquisición dun terreo e unha casa que dá á Praza do Rei que, apuntou, "esperamos derrubar o antes posible".

En segundo lugar, o Concello convocará un concurso de ideas para elixir o proxecto de rehabilitación da Panificadora e a súa contorna, que será financiado integramente pola administración local, porque "queremos que quede clara a irreversibilidade da recuperación", sinalando que "imos a toda velocidade porque a cidade o reclama". Así, considera que debe marcarse un calendario de traballo para a recuperación do conxunto da Panificadora a partir do concurso de ideas.

Sobre o concurso de ideas, Caballero expuxo que debe desenvolverse, dende o punto de vista arquitectónico, conservando ao máximo as instalacións industriais, ofrecendo o "máximo uso social" das mesmas con espazos abertos, prazas e "zonas vivenciais" para a cidadanía e, en terceiro lugar, debe combinar a parte público-privada e a parte pública atraendo unha "idea motriz", unha institución de ámbito tecnolóxico, con presenza no mundo "que se encargue de dinamizar toda a Panificadora". Unido a isto, apuntou, no conxunto remodelado debe situarse o Centro de Investigación Gastronómica e outros centros de investigación, debe haber unha biblioteca pública e "é bo" que haxa presenza da administración con locais dalgunha institución.

Así, o rexedor declarou que na primeira xuntanza desta tarde, se instará á Comisión a que transmitan iniciativas porque o Concello "no prazo dunha semana" quere ter aprobado o prego para o concurso público directo". Sobre o proceso de rehabilitación, apuntou que require modificación urbanística, decidindo canta edificabilidade se lle quere dar á Panificadora en función do espazo, ámbito e funcións que lle atribúa o proxecto elixido no concurso e definiu como "perfectamente asumible" o custo da expropiación".