Escoitar

O Concello buscará fórmulas para ampliar o apoio ao funcionamento dos taxis adaptados

Tras reunirse este venres co consello reitor das tres entidades do taxi, o alcalde de Vigo explicou que o servizo do chamado EuroTaxi é "bastante deficitario", polo que buscará mecanismos de apoio sen subir "en absoluto" as tarifas ao usuario.

venres, 22 xul 2016
1469189676taxis.JPG
Abel Caballero recibiu este venres ao consello reitor das tres entidades do taxi (a Asociación Provincial, a Sociedade Cooperativa de Auto-taxis e a Central Radio Taxi) e avanzou que o Concello de Vigo buscará novos mecanismos de apoio ao funcionamento dos taxis adaptados.

Despois de constatar que "é un moi bo servizo, cuns prezos moi asequibles", o alcalde vigués relatou que os taxis adaptados prestan un "servizo moi importante para a cidade" que "ten que seguir adiante", mais é "bastante deficiente" pois "as tarifas cobren con dificultade os sobrecustos que teñen os eurotaxis con respecto aos normais".

Así, Caballero apuntou que o goberno de Vigo e as entidades buscarán un mecanismo de cooperación e ampliación do apoio que lles presta o Concello para o seu funcionamento, xa que "non imos subir en absoluto as tarifas" aos usuarios, segundo recalcou o alcalde de Vigo.

En segundo lugar, o rexedor vigués anunciou a promoción do uso do taxi en Vigo e recordou que o servizo de rutas turísticas programadas polo departamento de Turismo do Concello "está a ir moi ben". Os taxistas tamén teñen un "bloque de actuación singular" co turismo de cruceiros "que desexamos que continúe", dixo Caballero, "máis razón para seguir apoiando os cruceiros e o que estes achegan á economía da cidade".
Descargar todas as imaxes