Escoitar

Unha guía didáctica das illas Cíes achegaralle ao alumnado valores de preservación do ambiente

xoves, 13 feb 2003
imx2323.jpg
Caderno de campo
A Concellería de Educación editou unha guía didáctica sobre o Parque nacional das Illas Atlánticas destinada ao alumnado e profesorado que realiza as visitas programadas polo Instituto Municipal de Educación. ”Esta publicación inclúese no traballo de recuperación das illas Cíes trala marea negra e no xurdimento dunha conciencia colectiva para que nunca máis volva acontecer algo semellante e deixar constancia da necesidade de poñer tódolos medios dispoñibles para evitar catástrofes semellantes”, afirmou a concelleira Ana Gandón.

”Tanto as Cíes como a ría de Vigo sempre foron elementos identificativos dos cidadáns e, a raíz da catástrofe do ”Prestige” chegouse a comprender a súa verdadeira importancia como enclaves de enorme valor paisaxístico, ecolóxico, turístico e económico”, explicou Ana Gandón. No traballo pola recuperación do arquipélago quérese que esta identificación e valoración do lugar se lle transmita ás novas xeracións.

Os autores da guía son Julio Fernández e Beatriz Gamallo, co deseño de Pepe Carreiro. Editáronse 500 exemplares da guía didáctica e 1.000 do caderno de campo cunha previsión de reedición anual para os nenos participantes nas visitas programadas ás Cíes. O orzamento foi de 8.500 euros.

As illas Cíes forman parte, polo de agora, do único parque nacional de Galicia e son ademais un lugar de interese turístico das Rías Baixas. Esta publicación pretende achegar os mozos e mozas a este espacio tan representativo da costa. Dispón dun caderno de campo e dunha guía didáctica.

O caderno de campo ten como finalidade o coñecemento a partir do contacto activo co medio, dun xeito ameno e divertido, tentando potenciar a observación e a reflexión.

A guía didáctica é un documento de apoio para a preparación das clases previas á visita e do itinerario no parque. No remate cítase unha bibliografía útil para a ampliación de determinados aspectos.

Este traballo pretende ser un instrumento para achegar os rapaces e rapazas ao medio natural que os rodea, e máis concretamente ao Parque nacional das Illas Atlánticas. Está dirixido ao alumnado de primeiro e segundo ciclo da ESO, con idades comprendidas entre os 13 e 16 anos. Preséntase como un elemento de apoio á educación formal e, deste xeito, as saídas ao medio ofrecen ocasións para que o alumnado coñeza a natureza e aprenda a respectala. Estes coñecementos son os primeiros pasos para a conservación do medio.

Trátase de poñer a disposición do profesorado, educadores e animadores socioculturais un instrumento de traballo que motive a aprender observando e reflexionando, permitindo tamén afondar nos aspectos do deseño curricular máis difíciles de estudiar na aula.

Obxectivos xerais

Entre os obxectivos xerais está valorar a natureza, os ecosistemas e as súas especies, e a importancia da súa conservación, ademais de potenciar os coñecementos históricos e culturais, fomentar a observación do medio e a reflexión sobre os procesos que nel acontecen, á parte de adquirir comportamentos e conductas respectuosas co medio natural.

Obxectivos didácticos

Preténdense recoñecer os factores ecolóxicos que actúan nos diferentes ecosistemas como limitantes, identificar as adaptacións dos seres vivos para aclimatarse a eses medios, coñecer as especies animais e vexetais máis característicos das illas, comprender o significado xeral do parque nacional e especificamente o das Illas Atlánticas e entender a problemática que ten a masificación destes enclaves.
Descargar todas as imaxes