Escoitar

O alcalde cre que Vigo sae gañando co acordo do Concello cos comuneiros de Cabral

mércores, 12 feb 2003
imx2320.jpg
Sinatura do convenio
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, afirmou que Vigo sae gañando co acordo que acaba de subscribir o Concello coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cabral para o pagamento das parcelas que se expropiaron para a construcción do Pazo de Exposicións de Cotogrande. O convenio asinado por Castrillo co presidente dos comuneiros, Luis Rodríguez, establece que o Concello pagará 1.205.432 euros polos terreos expropiados e que a Comunidade de Montes renuncia ao dereito de reversión sobre a parcela e desiste das accións xudiciais que principiaron para reclamar os seus intereses.

Co convenio asinado polo alcalde cos comuneiros de Cabral ponse fin a un conflicto que comezou en 1990, ano no que o pleno da corporación municipal decidiu expropiar á Comunidade de Montes duas parcelas que sumaban 582.000 m2. O Concello xa realizara en 1991 un primeiro pago de 1.394.000 euros por eses terreos, pero dende entón mantíñase aberta unha discusión sobre a taxaxión realizada. A controversia péchase agora cun acordo no que se determina a superficie exacta expropiada e se establece o pago a razón de 11,36 euros m2.

O abono da cantidade pactada farase en cinco anualidades. A primeira será neste mesmo exercicio, para o que xa existe unha partida consignada nos presupostos municipais. O Concello revertiralle á Comunidade de Montes 62.569 m2 que se demostraron innecesarios para a finalidade que foron expropiados. Por esa devolución de terreos, a Comunidade restituiralle ao Concello 45.675 euros.

Trala sinatura deste convenio, que terá que ser ratificado polo pleno da Corporación e a asemblea da Comunidade de Montes, resólvense definitivamente as trabas para a acometer a ampliación do recinto feiral de Cotogrande. De aí que o Alcalde afirmara que o acordo é moi positivo para a cidade. Pola súa banda, o presidente dos comuneiros agradeceulle ao goberno municipal a súa vontade negociadora para poñer fin a 13 anos de desencontros.
Descargar todas as imaxes