Escoitar

O programa ‘A radio na escola’ chega ó IES Castelao

xoves, 13 feb 2003
O IES Castelao de Vigo converterase o venres 14 de febreiro ás 11:30 h. no protagonista da sétima xornada do programa ”A radio na escola”. O programa, organizado pola Concellería de Xuventude e a Fundación Radio ECCA, proponse achega-la radio ás escolas. A iniciativa está dirixida fundamentalmente ó alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO.

O equipo creativo de Radio ECCA levará a cabo no instituto un espectáculo radiofónico durante hora e media dirixido ós alumnos e alumnas de 2º da ESO, tendo como base os distintos recursos empregados neste medio desde os seus comezos ata os nosos días: a radio fórmula, os informativos, as retransmisións deportivas, a montaxe radiofónica, os efectos especiais, etc.

Nos últimos 15 minutos de demostración, Radio ECCA conectará en directo co seu magazine matinal, emitido no 96,5 da Frecuencia Modulada, e entrevistará o director e algúns alumnos do centro.

O programa comezou o pasado 13 de decembro coa participación do colexio Párroco Don Camilo, de San Andrés de Comesaña, e desenvolverase tódolos venres do periodo lectivo ata a primavera. Como colofón final, levarase a cabo unha gran festa adicada ós/ás nenos/as das escolas participantes.