Escoitar

Caballero envía por carta a Rueda as modificacións propostas no texto da Área Metropolitana

Vigo quere que a Lei de Área Metropolitana incorpore algunhas modificacións como o tratamento da cidade como capital de provincia na dotación de servizos públicos, algúns "matices" sobre o transporte metropolitano ou a non necesidade da condición de contigüidade para integrarse no ente supramunicipal, de maneira que o proceso para a constitución da Área siga adiante. <br />

martes, 22 mar 2016
Abel Caballero informou este martes do envío dunha carta ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que figura un listado de temas que foron tratados e aprobados por unanimidade ou sen oposición dos concellos que conforman a Área. Estas modificacións, propostas dende a cidade olívica, non están incorporadas no texto da nova Lei e Vigo quere que sexan atendidas xa que "non violentan a vontade nin a vocación da Xunta e do Parlamento" para seren incorporadas e poder continuar con un proceso "que vai ben", segundo Caballero.

Entre eles, o alcalde citou a demanda de que Vigo, como capital da Área Metropolitana, teña un tratamento propio na dotación de servizos públicos por parte do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, similar ao dunha capital de provincia, algo que "queremos que figure na lei porque cremos razoable que unha cidade de 300.000 habitantes que encabeza unha área metropolitana de 600.000 teña os servizos dunha capital de provincia".

En relación co transporte metropolitano, segundo o rexedor "faltan matices" como a especificación de que cada concello asuma o custo do transporte urbano ou metropolitano que demande. Ademais apuntou as súas dúbidas sobre a necesidade da condición de contigüidade para os concellos que desexen integrarse no ente supramunicipal, algo que contempla a lei vixente e sobre o que considera "que deben facerse interpretacións socioeconómicas tal e como recolle a Lei de Bases do Réxime Local", citando como exemplo o feito de que nas circunstancias actuais o concello da Guarda quedaría fóra, no caso de que O Rosal non queira entrar na Área, polo que "debería revisarse" este punto.

Para Caballero, tamén é importante que o texto da Lei recolla que son os concellos da Área os que elaboran o seu propio calendario e que mentres o ente funcione de forma provisional as funcións sexan asumidas por persoal dos propios municipios. Tamén sinalou a necesidade de que no texto figure que os ingresos da Área contemplen os tributos que proveñan do Estado e da Comunidade Autónoma, tal e como recolle o da área metropolitana de Barcelona.