Escoitar

O Concello incrementa un 28% as subvencións para entidades deportivas de base

O goberno de Vigo aprobou este venres as bases e a convocatoria, que conta cun orzamento de 550.000 euros, polos 430.000 euros do 2015, cando resultaron beneficiarias 163 entidades. Tamén no eido deportivo, o Concello deu luz verde a un apoio de 23.000 euros ao club El Olivo e outros 47.000 euros ao Club Vigo Voleibol.

venres, 19 feb 2016
Segundo informou este venres Abel Caballero, o goberno de Vigo aprobou as bases e a convocatoria de subvencións a entidades deportivas de base da cidade polo desenvolvemento dos seus proxectos para a actual tempada deportiva, programa que o Concello incrementa nun 28% sobre o 2015 ao chegar aos 550.000 euros.

O prazo para presentar as candidaturas á convocatoria municipal é de vinte días naturais desde a xornada seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da provincia. O pasado ano, a cantidade total reservada nesta iniciativa era de 430.000 euros e beneficiou a 163 entidades viguesas.

Elite
A sesión da Xunta de Goberno Local celebrada este venres tamén decidiu subvencionar con 23.000 euros á Federación de Peñas El Olivo como club de elite da cidade, ao estar na Segunda División Nacional do fútbol feminino. Polo mesmo motivo, o Concello acordou conceder un apoio de 47.000 euros en favor do Club Vigo Voleibol, cuxo primeiro equipo xoga na División de Honra 2 desta modalidade.

Atletismo
Tal e como informou o alcalde de Vigo ante os medios, o Concello que preside validou o expediente de contratación para a prestación de servizos de control de acceso, mantemento básico, limpeza, apertura e peche das pistas municipais de atletismo de Balaídos.

O goberno local aprobou os pregos de condicións técnicas e administrativas para un contrato que terá un importe máximo de 32.000 euros anuais e unha duración dun ano, prorrogable polo mesmo periodo.

Sobre a reforma das pistas, "seguimos dialogando coa Xunta de Galicia", explicou Caballero, quen recordou que a administración autonómica propuxo adicar dous millóns e o Concello reclama 2,5 millóns, xa que non participa na remodelación do estadio de Balaídos. "Confiamos que se acelere e se asine polos dous millóns e medio de euros de forma inmediata", concluíu.

Cine
No ámbito cultural, o goberno local tamén aprobou hoxe a subvención de 13.500 euros mediante convenio co Cineclub Lumiere Vigo, para a organización da programación de cine en versión orixinal no 2016, que ten lugar no Auditorio Municipal os luns, ás 20:30 horas, ata xuño e desde setembro a decembro. O Cineclub Lumiere Vigo é a única entidade deste tipo na provincia e unha das tres existentes en Galicia.

Abel Caballero valorou a "programación moi intensa" do Cineclub, que cre "non suficientemente coñecida na cidade" pese a ser "unha actividade cultural da maior importancia".