Escoitar

Máis de mil escolares presenciaron concertos didácticos no Auditorio Municipal do Concello

Entre onte e hoxe xoves, o Auditorio Municipal acolleu catro representacións de "Os Moussakis. Música dos Balcáns", organizados pola Obra Social "La Caixa" e o Concello de Vigo. Os concertos procuran introducir ao público infantil e xuvenil no mundo da música desde unha perspectiva didáctica e integradora.

xoves, 18 feb 2016
1455801210lacaixa.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto ao director territorial da entidade, Marc Benhamou, visitaron este xoves o Auditorio Municipal, onde o Concello de Vigo e a Obra Social "La Caixa" organizan un ciclo de catro representacións dirixidas a escolares. En declaracións públicas, o rexedor vigués felicitou ao banco por esta "idea excelente" que axuda ao alumnado a "entender a diversidade na cultura e na música".

O espectáculo "Os Moussakis. Música dos Balcáns" está protagonizado por un grupo de seis novos músicos provenientes dos Balcáns e unha cantante israelí, todos eles residentes no noso país, que manteñen vivas algúns dos seus costumes, recuperando e revisando a música tradicional dos Balcáns.

Máis de mil alumnos/as da cidade asistiron entre onte e hoxe aos concertos programados, que teñen como obxectivo introducir ao público infantil e xuvenil no mundo da música desde unha perspectiva didáctica, mediante unhas producións especialmente deseñadas para gozar duns espectáculos cheos de música, maxia e diversión.

"Os Moussakis. Música dos Balcáns" recupera un amplo abano de melodías e cancións de diferentes tradicións que os músicos interpretan con toda a emoción, sentimento e espírito de celebración que caracterizan a música dos Balcáns.

Como complemento didáctico, a organización preparou un dossier con exemplos, ilustracións e un CD que facilita aos escolares a comprensión da música interpretada. Máis aló dos contidos académicos, o dossier é un instrumento para promover a integración, a convivencia e o respecto ás diferentes culturas.
Descargar todas as imaxes