Escoitar

O alcalde ve con "enorme agrado" a proposta da Xunta de trasladar a Cidade da Xustiza ao Hospital Xeral

Caballero avanzou que este xoves día 18 manterá un encontro co vicepresidente da Xunta para abordar o traslado da Cidade da Xustiza ao Hospital Xeral, unha proposta que a priori valora en positivo aínda que quere "estudala a fondo" e considera que "hai que darlle contido ao actual espazo porque non podemos desvestir esa zona".

martes, 16 feb 2016
Abel Caballero manifestou este martes que ten "moi boas sensacións sobre o traslado íntegro da Cidade da Xustiza á torre do Hospital Xeral. Véxoo con enorme agrado e gran simpatía. Creo que estamos nunha boa dirección pero quero velo a fondo".

O alcalde sinalou que o Concello tivo coñecemento desa proposta do goberno autonómico a través dos medios de comunicación e que, tras unha conversa telefónica co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acordaron reunirse para abordar o cambio de situación da cidade xudicial, nun encontro que terá lugar este xoves día 18 pola tarde.

Así, o rexedor vigués indicou estas esperando que a Xunta "nos presente o proxecto para velo e estudalo a fondo: como vai ser, de que forma e con que obras". Con todo dixo que "hai que darlle contido ao actual espazo da Cidade da Xustiza, aos actuais edificios, porque non podemos desvestir esa zona. Hai que facer un tratamento integral para que a zona onde está establecida agora mesmo a cidade xudicial non sufra". Neste sentido, engadiu ter "bastantes ideas" sobre a nova situación que se crearía e reiterou as "moi boas sensacións" que lle suxire a proposta da Xunta.