Escoitar

Neurociencia e Filosofia eixo das XXIII Xornadas de Filosofía que comezan o martes

A Concellería de Cultura e mailo grupo Aletheia-Vigo organizan as XXIII Xornadas de Filosofía, que terán lugar no Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei, 1) os días 17, 18 e 19 de novembro, de 17:00 h a 21:00 h (e de 10:30 a 13:30 h o mércores 18), baixo o título "Filosofía e Neurociencia".

luns, 16 nov 2015
1447679745fia.jpg
A filosofía, que dende as súas orixes tivo o papel de dar explicación a todo o que o ser humano podía coñecer sobre o mundo, sobre si mesmo e sobre as divinidades, foi deixando co paso do tempo moitas parcelas do coñecemento delegando na teoloxía, na arte e na ciencia. Actualmente, a filosofía precisa mesmo da ciencia para convencer das súas teorías e para abrir canles de colaboración con ela. Desa maneira, deixa de ser un saber encorsetado para estar ao día nas súas teorías e facelas máis comprensibles, e por isto, precisa -e axuda- á física, á bioloxía, á cosmoloxía… e procura estar ao tanto dos seus descubrimentos.

Os últimos avances da ciencia camiñan polos vieiros da Neuroloxía, xurdindo deste modo a neurociencia. Ao decatarse destas investigacións, a filosofía pronto se uniu aos seus estudos e avances, aparecendo así a Neurofilosofía, que é un proxecto que tende á unificación do esforzo filosófico e científico co obxecto de mellorar a comprensión da natureza humana. A filosofía decatouse de que se pode achar máis rápido unha solución aos problemas humanos optando por estratexias cooperativas de investigación, deixando de lado o enfrontamento entre culturas cientificistas que desprezan o saber filosófico e culturas presuntamente humanistas que desprezan o saber científico.

As Neurociencias son un conxunto de disciplinas científicas que estudan a estrutura, a función, o desenvolvemento da bioquímica, a farmacoloxía, e a patoloxía do sistema nervioso e de como os seus diferentes elementos interactúan, dando lugar ás bases biolóxicas da conduta. A Neurociencia, como disciplina integral, tenta comprender e penetrar o problema da relación entre a mente, a conduta e a actividade propia do tecido nervioso. A partir do estudo a distintos niveis: molecular, neuronal, redes neuronais, condutual e cognitivo, a neurociencia trata de desentrañar a maneira de como a actividade do cerebro se relaciona coa psique e cos comportamentos. A Neurociencia está a revolucionar a maneira de entender as nosas condutas e o que é máis importante aínda: como aprende, como garda información o noso cerebro, e cales son os procesos biolóxicos que facilitan a aprendizaxe.

Os científicos da área de Neurociencias ocúpanse tamén do estudo de dúas enfermidades incapacitantes e de gran prevalencia na sociedade actual: a enfermidade de Alzheimer e a enfermidade de Parkinson. A aproximación a estas enfermidades é multidisciplinar. Analízanse as bases xenéticas, moleculares ou celulares determinantes da morte neuronal. Igualmente estúdanse os mecanismos fisiopatolóxicos da perda de memoria na enfermidade de Alzheimer ou dos trastornos motores e non motores da enfermidade de Parkinson. Búscanse marcadores bioquímicos, neurofisiolóxicos ou de neuroimaxe para o diagnostico precoz destas enfermidades, que axudará a unha terapia máis eficaz.

A entrada será de balde ata completar a capacidade do auditorio; as persoas interesadas poderán inscribirse previamente no correo-e "xornadasaletheia@yahoo.es". O profesorado que asista ao 75% das actividades destas xornadas terá dereito a 15 horas de formación recoñecidas pola Consellería de Educación; igualmente, todas as persoas do público en xeral, que asistan nesa mesma porcentaxe, poderán solicitar un diploma de asistencia.
Descargar todas as imaxes

Máis información