Escoitar

Abel Caballero afirma que "este é o momento de Vigo" como modelo de referencia de cidade

O alcalde pronunciou este mércores unha conferencia no Círculo de Empresarios de Galicia na que baixo o título "O tempo de Vigo" analizou o presente da cidade, que lidera unha área de 600.000 habitantes, e que co posicionamento que ten acadado no ámbito municipal conseguiu que "en termos políticos hoxe non se discute o que di Vigo". Ademais manifestou o apoio do Concello á industria viguesa que definiu como a "base máis sólida" da economía.

mércores, 23 set 2015
1443029371Clubfinanciero2.JPG
O rexedor vigués amosouse compracido por compartir hoxe un almorzo con integrantes do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, diante dos que ofreceu un relatorio sobre o momento que vive a cidade dende o punto de vista económico, político, administrativo e comercial. No seu discurso, asegurou que "o tempo de Vigo é agora; é este" porque Vigo "que ten toda a substancia precisa e tódolos vectores en calquera ámbito que se busque. Históricamente non se ordenaran estes vectores para que apareceran en toda a súa dimensión".

Por iso Abel Caballero sinalou que é agora cando a cidade debe "ocupar todo o espazo que lle corresponde a un grande territorio, a este gran Vigo, a esta zona de 600.000 habitantes encabezada por esta cidade". E apuntou que para que iso ocorra a política ten un papel destacado xa que os lugares "onde hai consolidacións políticas consistentes teñen un grande paso dado".

Desde o punto de vista político, o alcalde salientou as eleccións municipais "que lle dan a volta a todo o panorama como nunca se vira nunha cidade española" e que entende como "a confluencia e conxunción dunha cidade enteira nun proxecto: o proxecto Vigo que encabeza este goberno, que encabezo eu, pero que é moitísimo máis ca isto. Foi un efecto cidade que o sobrepasa todo" e analiza os resultados dos comicios municipais do pasado mes de maio como "unha clamorosa manifestación cívica electoral en pro da cidade e dun proxecto que é Vigo. A cidade decidiu que este é o seu momento".

Vigo como un referente municipal

Abel Caballero explicou os efectos derivados dos resultados electorais: "o primeiro, a Deputación de Pontevedra que hoxe preside unha persoa deste proxecto e de Vigo, Carmela Silva". O segundo efecto percíbeo en "todas as administracións que cambiaron o seu posicionamento con Vigo e chegamos a acordos en cuestións nas que parecía que ía ser imposible" e engadiu que isto terá "consecuencias de calado histórico para a cidade: unha grande área metropolitana que vai sobrepasar os 20 municipios e que o vai cambiar todo porque imos ter a capacidade de decisión desa grande área". En relación co ente supramunicipal, apostou por conseguir "60 quilómetros de fronteira, porque esa Área Metropolitana xa é Europa, unha área cunha gran urbe nucleándoa e con fronteira natural con outro país; capaz de falar con Oporto e con Lisboa para lanzar proxectos comúns". Así, apelou á necesidade de aproveitar este contexto e momento de sinerxías con Europa. En terceiro lugar, o rexedor citou a importancia de que a cidade presida a Federación Española de Municipios e Provincias porque "Vigo é un referente político municipal indiscutible neste momento e non é un mérito de Abel Caballero senón do que está pasando nesta cidade. Isto fai que a nosa posición sexa sólida porque xa non se discute en termos políticos o que di Vigo, tal e como está ocorrendo coa Área Metropolitana". Aínda sobre o municipalismo, ratificou que propoñerá unha reforma da Constitución para lograr "a capacidade dos concellos de actuar en máis espazos" e poder responder ás expectativas.

Ademais, o rexedor mencionou que co posicionamento privilexiado que agora ten Vigo chegarán os "grandes proxectos" como o tren de alta velocidade que "é irrenunciable. Só queda conseguir o tren de alta velocidade con Madrid. Os demais proxectos están en marcha ou conseguidos" e o aeroporto e o transporte cara Peinador é un dos temas nos que seguirá traballando o seu goberno.

No tocante á economía municipal, Abel Caballero destacou que Vigo é o "concello coas mellores finanzas do Estado porque a débeda nestes momentos é tecnicamente cero". Enxalzou os esforzos dos empresariado do naval, da automoción, da pesca e afirmou que a base máis sólida dunha economía é a industria "que tira de todo e que o enlaza todo". E manifestou que "estaremos ao voso carón sempre".


Descargar todas as imaxes