Escoitar

416 alumnos vigueses estudan inglés en Irlanda e no Reino Unido grazas ás bolsas do Concello

O alcalde de Vigo considera que as bolsas de inmersión lingüística en inglés que concede o goberno local son un "proxecto de envergadura" xa que serven aos estudantes para formarse e dominar o idioma. Este martes partiron cara Reino Unido 214 mozas e mozos dende o aeroporto de Peinador e o xoves viaxará un grupo de 75 con destino a Irlanda.

martes, 22 set 2015
Abel Caballero deu conta este martes da evolución do programa de bolsas de inmersión lingüística en inglés na edición de 2015. Serán un total de 416 estudantes vigueses os que van poder estudar inglés no Reino Unido ou en Irlanda grazas ás bolsas que o Concello lles outorga para gozar de estadías de formación nestes dous países.

Hoxe martes saíron cara o Reino Unido 214 alumnas e alumnos, o luns partiron cara ese mesmo país 102 estudantes e 25 cara Irlanda e o xoves sairá o último grupo de 75 mozas e mozos vigueses con destino a Irlanda, polo que nuns días estarán formándose en inglés 416 vigueses.

O alcalde sinalou a relevancia do programa a tenor do número de estudantes que se benefician del: "temos máis nenos e nenas estudando inglés en Inglaterra cunha bolsa do Concello de Vigo que toda Cataluña ou todo Madrid xunto". E engadiu a relevancia destas estancias subvencionadas polo goberno local porque "facer que teñamos unha poboación de xente nova que fale inglés é un proxecto de grande envergagura porque ese mes de estadía fóra serve para dominar o idioma e facerse con el e, polo tanto, falalo".