Escoitar

Abel Caballero e Javier Bas coinciden na necesidade de axilizar a Área Metropolitana

Nunha reunión celebrada este luns, o alcalde de Redondela manifestou o interese do seu Concello en impulsar o transporte metropolitano, un punto que o rexedor vigués se comprometeu a estudar en canto o ente supramunicipal estea constituído. Sobre o modelo de xestión, Caballero considera que a cidade olívica non pode ter o mesmo peso que outros concellos máis pequenos e amosou a súa vontade de diálogo con todos os alcaldes e alcaldesas para estudar as modificacións da proposta presentada por Vigo para a Área. <br />

luns, 21 set 2015
1442853079redondela.JPG
O alcalde de Vigo e o seu homólogo de Redondela, Javier Bas, reunidos esta mañá na Praza do Rei para abordar cuestións relacionadas coa Área Metropolitana, coincidiron na necesidade de modificar e axilizar esta entidade na que Redondela "ten vocación absoluta de formar parte e de estar incluída nos 14 concellos cos que comece", segundo explicou Abel Caballero.

Na xuntanza, Javier Bas expuxo como demanda central do seu concello o impulso do transporte metropolitano, unha necesidade que entende o rexedor vigués e que se comprometeu a estudar en canto o ente supramunicipal quede establecido.

En canto aos prazos, Abel Caballero sinalou que "a Área Metropolitana debería empezar a funcionar en febreiro ou marzo deste ano" xa que "hai tempo suficiente para facer todas as modificacións. Eu estou disposto a todo o diálogo que faga falta, con todos os alcaldes e alcaldesas pero sen ningunha demora" para que na primavera, dixo, a Área estea en funcionamento e constituída. Sobre o modelo de funcionamento, o alcalde incidiu en que "non imos aceptar nunca unha Área Metropolitana onde Vigo teña un voto e Pazos de Borbén teña un voto, con todos os respectos a Pazos de Borbén, porque non somos iguais e, por tanto, nesa liña poderemos progresar desde a constatación de que pode e debe entrar en vigor de maneira inmediata".

Abel Caballero anunciou que mañá martes manterá un encontro co alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro, con quen abordará a posibilidade de incorporar novos municipios á Área Metropolitana. Segundo dixo, esa inclusión tería que agardar á constitución da entidade e, unha vez realizado este trámite, os 14 concellos abordarían a ampliación a aqueles que o solicitasen e que reúnan as condicións que nestes momentos son Tomiño, A Guarda e Tui, a quen o rexedor apoia.
Descargar todas as imaxes