Escoitar

O Concello presenta a programación de educación medioambiental para o cuarto trimestre de 2015

A décimo sexta edición do Camiño a Camiño foi presentada este venres pola concelleira de Medio Ambiente, Chus Lago, que destacou a consolidación do programa como un referente en canto á sensibilización medioambiental e ao coñecemento da contorna entre a cidadanía. Amais apuntou o éxito do programa que medra en participantes tanto nas rutas, como nas hortas urbanas e no voluntariado. A inscrición para as distintas actividades abre o luns 21 e o martes 22.

venres, 18 set 2015
1442580501chus.JPG
A oferta do Programa de educación medioambiental Camiño a Camiño para o período setembro-decembro 2015 foi presentada esta mañá pola Concelleira de Medio Ambiente, Chus Lago. Na súa décimo sexta edición o programa consolídase como un referente en toda Galicia ao combinar o fomento do coñecemento da contorna coa sensibilización medioambiental. Amais incorpora a participación cidadá e a promoción social de hábitos saudables.

Segundo explicou Chus Lago, a programación de actividades para o período setembro-decembro 2015 mantén as actividades de hortas urbanas e de voluntariado e, no tocante aos percorridos medioambientais, van comezar coa clásica andaina Monte Galiñeiro–Monte Aloia que serve para poñer en valor este espazo natural entre os amantes da natureza.

Nesta edición vanse facer tres percorridos para coñecer os distintos hábitats que rodean a ría de Vigo. O primeiro vai dende a fraga de Moaña ata o monte Xaxán, co seu bosque atlántico case a nivel do mar e ofrecendo as impresionantes vistas da enseada da ría de Vigo. O segundo continúa polas Salinas de Ulló na Ensenada de San Simón e chega ata a Ermida da Peneda en Arcade, na que se poderá contemplar a marisma e os humedais así como o bosque de ribeira. O terceiro itinerario esténdese dende Chapela ata o Monte da Guía para contemplar a intermareal, algúns dos hábitats existentes arredor da senda da Auga e, por último, o Monte da Guía.

Os catro últimos percorridos abordarán os sendeiros locais de Zamáns, Coruxo e Bembrive-Beade que o Concello está desenvolvendo este ano en colaboración coas respectivas Comunidades de Montes. O último deles vaise realizar no sendeiro local de Candeán para finalizar a temporada co clásico chocolate en Vigozoo.

As persoas interesadas en participar no primeiro percorrido medioambiental deste cuarto trimestre do ano deberán inscribirse a partir do vindeiro luns 21 de setembro, no teléfono 010 (986.810.260 para móbiles).

4.680 usuarios durante o primeiro semestre
O Camiño a Camiño está gañando adeptos entre a cidadanía viguesa con participantes de distinto perfil en función do tipo de oferta. Durante o primeiro semestre de 2015 acudiron 4.680 usuarios, destacando, por exemplo, a incorporación de novos participantes que manifestaron con agrado ter unha alternativa para os domingos pola mañá. Chus Lago sinalou, por exemplo, o gratificante que foi ver a 1.261 persoas asistindo á II Andaina polos montes de Vigo.

As hortas urbanas incluídas no programa, que abranguen 13.000 m2 de extensión, acumulan dende 2012 a participación de 760 persoas e 859 foron as que acudiron aos cursos formativos. Nas hortas de Fontáns en Ramón Nieto hai 90 inscritos, en Pedro Alvarado (Teis) son 46 os inscritos e predomina un público adulto con dispoñibilidade de tempo e certos coñecementos combinado, en menor medida, con público máis novo moi interesado en achegarse á agricultura ecolóxica e aprender algo descoñecido para eles. Desta maneira, co apoio do monitorado, os participantes intercambian coñecementos e realizan os labores comunitarios de forma conxunta. Na horta de Sardomela (Cabral, 32 inscritos) predomina o primeiro perfil e na de Navia (129 inscritos), predominan os usuarios sen coñecementos. Na horta de Camelias (9 inscritos), por ser moi pequena, participan veciños e veciñas próximos a ela.

En canto ao voluntariado medioambiental do CAMIÑO A CAMIÑO, teñen asistido preto de 1.000 persoas aos cursos de formación e 768 en distintas accións dende que se iniciou o programa no ano 2012. Nas próximas semanas está previsto facer entrega dos diplomas de participación do último ano e van ser 278, destinados ás persoas que participan en voluntariado no Lagares e Areais, como ás que o fan no voluntariado de sendeiros ou nas hortas urbanas.

Tamén é relevante o voluntariado que dende xullo a setembro estivo presente nas Illas Cíes, no que participaron 152 voluntarios e realizaron 3.040 horas de traballo, dedicándose á erradicación de plantas invasoras, limpeza de areais e camiños e a ofrecer información da campaña "A illa das gaivotas".

O próximo martes 22 de setembro inícianse os labores de voluntariado no río Lagares e noutros espazos de interese medioambiental, así como nos sendeiros.

Os detalles ao completo da programación do cuatro trimestre de 2015 e do proceso de inscrición pódese atopar no blog: http://caminoacaminovigo.blogspot.com.
1442580501chus.JPG
1442580516cartel.jpg
Descargar todas as imaxes