Escoitar

O alcalde non descarta ampliar as frecuencias da conexión con Londres

Abel Caballero trasladou esta mañá a importancia de ampliar a conexión con Londres dado o éxito da operatividade do actual voo de Air Nostrum á terminal de Luton. Así o afirmou este mércores logo de presentar os novos destinos que esta compañía operará desde Vigo en 2016: Alacante, Bruxelas, Menorca e Roma.

mércores, 23 set 2015
1443012673AirNostrum1.JPG
O alcalde de Vigo cualificou esta mañá de "moi satisfactorios" os índices de ocupación das rutas que Air Nostrum operou este verán: Sevilla, Málaga, Gran Canaria e Londres, ata o punto de non descartar a ampliación das frecuencias coa capital británica dado o éxito da actual conexión con Luton. Acompañado por Juan Corral, director comercial da aerolínea franquiciada de Iberia para voos rexionais, anunciou a posta á venda das catro novas rutas que van operar desde Vigo en 2016. Desde Peinador, haberá conexións con Alacante, Bruxelas, Menorca e Roma, que se sumarán ás implementadas este ano, con ocupacións medias de máis do 75%. Con estas novas rutas, Vigo consolídase como destino de referencia para Air Nostrum, que disporá en Peinador de nove conexións directas, o que o converterá no terceiro aeroporto para a compañía, no tocante ao número de destinos ofertados.

As catro novas rutas (Alacante, Bruxelas, Menorca e Roma) disporán de dous voos semanais desde primeiros de xullo a finais de setembro de 2016. No caso da conexión coa capital italiana, haberá tamén voos durante a Semana Santa. En total, o programa de Air Nostrum en Peinador para 2016 incrementará a oferta deste ano en 192 voos e 17.290 prazas. Todas as rutas serán operadas por reactores Bombardier CRJ 900, de 90 plazas, segundo indicou o directivo da aeroliña.