Escoitar

O goberno aprobará a semana que vén as listas defintivas dos beneficiarios das bolsas de inglés

O alcalde avanzou esta mañá a previsión de que a próxima semana se aproben definitivamente as listas de beneficiarios das bolsas de inglés. Este mes de setembro serán 459 estudantes os que gozen dunha estadía no estranxeiro para aprender inglés.

mércores, 27 mai 2015
A web municipal xa ten colgada a proposta de resolución provisional dos 416 alumnos de 3º da ESO que en setembro deste ano gozarán dunha estadía en Gran Bretaña ou Irlanda para aprender inglés. O próximo venres remata o periodo de reclamacións ou corrección de erros polo que, previsiblemente, as listas defintivas se aprobarán a próxima semana.

Este ano serán 459 os beneficiarios destas axudas, 416 alumnos de 3º da ESO e 43, da Escola Oficial de Idiomas, o que supón un orzamento de 1.032.000 euros. En declaracións aos medios, o rexedor lembrou que se abrirá unha convocatoria extraordinaria para a xeración de estudantes aos que lles correspondera viaxar en 2013 -cando o goberno local se viu obrigado a suprimir o programa-, que viaxarán a finais do curso que vén, cando rematen a proba da selectividade. Caballero rematou afirmando que desde 2008, son preto de 3.000 os estudantes que gozaron dunha estadía no estranxeiro estudando inglés.