Escoitar

Manel Fernández anima á participación este domingo na San Silvestre solidaria, na Alameda

A San Silvestre viguesa cumpre dez edicións. Iniciada en decembro de 2005, por segundo ano ponse en marcha esta carreira "no corazón da cidade, porque queremos que todos os vigueses gocen desta proba e pretendemos contribuír a rematar o ano coa ledicia e satisfacción de estar vivindo nunha cidade que sente o deporte". Así foi presentado hoxe martes o evento polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, que espera acadar na Alameda unha altísima participación

martes, 23 dec 2014
1419338939sansilvestre.JPG
A saída terá lugar ás 11:30 horas. É cita aberta a todo o mundo, na que a organización, o Club Atletismo Vigo, anima a acudir ata disfrazados, pois haberá premios para os mellores disfraces.

O Concello patrocina o evento, exclusivamente solidario. "Se non fora pola Concellería de Deportes non se podería facer, porque cada vez é máis difícil conseguir cousas", manifestaron os directivos atléticos.

O obxectivo é conseguir o maior número de toneladas de alimentos non perecedeiros, que serán entregados ao Banco de Alimentos. "Pedimos aos participantes que non esperen a última hora para entregar os alimentos, explica Julio López dende a organización do Club Atletismo Vigo.

O cambio da carreira ao 28 en lugar do tradicional día 31 ten a súa razón de ser en dous factores: o loxístico e o solidario. A organización manéxase mellor un domingo pola mañá que no derradeiro serán do ano; ademais, contan con que haberá máis concurrencia. Tentamos mellorar a proba para que se recauden máis alimentos cada ano; a efectos loxísticos viuse mellor levala ao domingo 28 como tamén se fai en Ponferrada, León, Salamanca, Almería... ou en Oporto. Moita xente viaxa o 31 ou traballa esa tarde", razóase. O domingo, en cambio, pensan que poderá acudir moita máis xente a esta chamada solidaria. "Un ano o 31 caeu en domingo e notámolo na participación", que se elevou considerablemente.

Con esta carreira acaba o ano atlético, composto por 45 probas. Para o Atletismo Vigo, acadar os 3.000 participantes sería xa "un número importante" despois de que o seu teito sexa de 2.000. E superar os 5.000 quilos de alimentos, tamén.

Como o ano pasado, cando por vez primeira abandonouse Castrelos, o percorrido será pola Alameda, nun deseño "totalmente urbano". Os deportistas deberán dar tres voltas a un circuíto de 1.900 metros, é dicir, uns 6 quilómetros. "Saímos gañando co cambio", afirman os membros da organización, que ao levar a carreira ao centro xa veron que esta se fíxo máis visible para a cidadanía, o que se traduciu en máis quilos de alimentos para os desfavorecidos.

A organización tamén lembrou que a inscrición faise directamente á hora de entregar os alimentos, na mesma Alameda, e recomendou que a xente se achegue sobre as 9 ou 10 para evitar tempo de espera.
Descargar todas as imaxes