Escoitar

A Concellería de Desenvolvemento Local reforza a promoción de autoemprego con axudas á creación de empresas

mércores, 2 mai 2001
A Comisión de Goberno aprobou esta mañá, a proposta do concelleiro de Desenvolvemento local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, a convocatoria para este ano das axudas municipais a emprendedores e que, no ámbito do Plan Municipal de Emprego 2000-2003, favorecerán as iniciativas de autoemprego cun importe máximo por solicitante de ata 400.000 pesetas.

Este programa de axudas municipais á creación de empresas ten por obxecto apoiar novos proxectos empresarias xeradores de emprego como unha vía efectiva para a loita contra o desemprego. Neste senso, cando a empresa beneficiaria estea constituída por mulleres maioritariamente, a subvención terá un incremento de 50.000 pesetas coa finalidade de apoiar ós colectivos con maiores dificultades na súa incorporación ó mercado laboral.

Os beneficiarios destas axudas serán empresas de nova creación, independentemente da súa forma xurídica, constituídas entre o 16 de novembro do 2000 e o 31 de outubro de 2001 e que creen, cando menos, un posto de traballo estable: sexa por conta propia ou por conta allea. Estas axudas son a fondo perdido e a súa finalidade é subvencionar parte do investimento inicial en conceptos como, entre outros, gastos de arrendamento de locais, primas de seguros e subministros e gastos correntes.

Este “Programa de axudas municipais á creación de empresas” constitúe un recurso complementario das axudas dispostas por outras administracións para o autoemprego. Desta forma, a Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego reforza o Servicio de asesoramento a emprendedores (SAE), xa que ademais de apoio técnico, conta unha ferramenta máis para converte-las inciativas de autoemprego, principalmente a promovidas por desempregados, nunha realidade.