Escoitar

O Concello converterá a vella subestación eléctrica de Coruxo nun centro sociocultural

mércores, 2 mai 2001
Esta mesma semana van comezar as obras de remodelación da antiga subestación eléctrica de Coruxo, edificio que se vai rehabilitar para que albergue un centro sociocultural ao servicio dos veciños da parroquia. Ademais, o inmoble, que disporá duns mil metros cadrados, terá outros usos como a exposición de iniciativas do ámbito da Mancomunidade de concellos de Vigo.

As obras de remodelación foron adxudicadas por 62 millóns de pesetas á empresa Industrias del Deza e van ser financiadas polo departamento de Patrimonio Histórico do Concello e con fondos Proder da Unión Europea.


Aprobados os proxectos de mellora do alumeado en Teis e Saiáns

A Comisión de Goberno aprobou varios proxectos de mellora do alumeado público por valor de 13 millóns de pesetas. Concretamente vaise actuar no barrio de Teis, nas zonas de Arnela, a baixada á igrexa, Rotea, Laranxo e Chumba: e na parroquia de Saiáns, na baixada á praia, Eira Vella, Pinal e Tomada. Os traballos que se van levar a cabo nestes puntos consisten no reforzo das liñas de alumeado para evitar as caídas de tensión e na colocación de novos puntos de luz.

O Concello revisará as inscricións do rexistro catastral

O Goberno municipal tomou tamén a decisión de contratar unha asistencia técnica para revisar os rexistros catastrais do Imposto de Bens Inmobles e o padrón de contribuíntes do lixo industrial. O obxectivo deste contrato é resolver os defectos de ámbolos rexistros, conseguindo a correcta inscrición dos contribuíntes. Nestes momentos calcúlase que son máis de 6.000 as inscricións do catastro incorrectas ou que figuran de maneira incompleta. Ademais outros 7.000 recibos son impagados cada ano por posibles defectos no rexistro. Iso supón que as arcas municipais deixen de ingresar uns 120 millóns de pesetas anuais e de aí o interese do Goberno municipal por convocar un concurso para a contratación dunha consultoría que realice o traballo de depuración dos padróns durante os próximos dous anos.

Adxudicados os servicios de “canguros” e de vixilancia do Museo Quiñones de León

A Comisión de Goberno adxudicou hoxe o servicio de atención domiciliaria á infancia á Asociación de Mulleres Progresistas. Esta era a asociación que xa viña prestando este servicio de coidado de rapaces que se lle ofrece a mulleres sen recusos económicos para facilitarlles o seu acceso ao mercado laboral. Outro servicio que se adxudicou esta mañá foi o da vixilancia do Museo Municipal Quiñones de León. A tarefa vai ser realizada pola empresa Securitas Seguridad España e o contrato ascende a 11.490.000 pesetas.