Escoitar

Caballero pide a Fomento a titularidade da Avenida de Madrid para "adecuar a entrada de Vigo"

O alcalde anunciou hoxe martes a remisión dunha carta á ministra de Fomento, Ana Pastor, na que solicita a transferencia da titularidade da Avenida de Madrid, desde o Seminario ata a Praza de España, para humanizar a entrada sur da cidade. O goberno local prevé retirar o valado e iniciar a reforma por fases desde a Praza de España.

martes, 6 mai 2014
En declaracións aos medios, Caballero confiou en que a solicitude sexa aceptada polo Ministerio de Fomento e que "se resolva o antes posible" a transferencia da titularidade, pois "teño unha aceptación oral por parte do secretario de estado de Infraestruturas no mes de outubro", salientou.

O alcalde recordou que tiña un acordo co anterior Goberno de España para a cesión da titularidade do vial desde o Meixoeiro, e cunha compensación económica que Caballero cifrou en 5 millóns de euros. O novo executivo estatal non ofrece ao Concello orzamento e transferiría unicamente desde o Seminario, unha opción que o goberno de Vigo acepta para poder así acometer a humanización da entrada sur da cidade.

Caballero explicou que a idea municipal pasa por reformar a Avenida de Madrid en distintas fases, comezando pola Praza de España, cun custo estimado en "millóns de euros". O que si adiantou o socialista é que, de transferir a titularidade, o goberno local retiraría todo o valado existente na Avenida.