Escoitar

Caballero felicitou a participantes e organización do Torneo de Nadal Concello de Vigo de Fútbol 7

O alcalde de Vigo -acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e membros da organización (Afavi) e patrocinadores- acudiu hoxe xoves a presenciar dous partidos da primeira edición desta competición, que comezaba esta mesma mañá nos campos de Navia (Municipal Pahiño) e Bouzas (Baltasar Pujales), aos que mañá se unirá Castrelos (Monte da Mina) coa entrada en xogo da categoría prebenxamín.

xoves, 26 dec 2013
1388074547torneo.jpg
Durante a media hora que o rexidor pasou no Municipal Pahiño, Caballero saudou aos equipos participantes nos partidos de alevíns que se xogaban naquel momento, explicándolles o desenvolvemento do evento e desexándolles sorte, ademais de departir con membros da organización e afeccionados, pois o campo rexistrou unha excelente entrada amosando que a idea de levar a cabo o torneo foi moi ben acollida.

Setenta e tres equipos de 26 clubs de Vigo, con xogadores en idades entre os 6 e 11 anos (uns 1.100 participantes), disputan desde este xoves ata o domingo a primeira edición do Torneo Concello de Vigo, unha idea da Concellería de Deportes para darlle un novo pulo ao fútbol base na época de Nadal e que atopou o necesario apoio da Asociación de Fútbol Afeccionado de Vigo (Afavi).

156 partidos distribuídos entre os campos de Navia (Municipal Pahiño, categoría alevín), Bouzas (Baltasar Pujales, benxamín) e Castrelos (Monte da Mina, prebenxamín) inundarán de fútbol 7 as derradeiras datas de 2013.
Descargar todas as imaxes